GL EN

Novas

06 febreiro 2025Un equipo do CINBIO recibe en Compostela o Premio de Investigación Fundación Barrié-RAGC

A entrega dos Premios de Investigación Fundación Barrié-Real Academia Galega de Ciencias tivo este ano un sabor moi vigués. Foi este mércores pola tarde no compostelán Pazo de San Roque e ata alí acudiron os premiados e premiadas da Universidade de Vigo: desde o CINBIO, o equipo de Miguel Correa, Premio á mellor investigación en Ciencias Básicas, e desde o Vigo Quantum Communication Center e atlanTTic, o grupo coordinado por Víctor Zapatero, Premio á mellor investigación en Ciencias Técnicas. A eles sumouse Antía Fernández, investigadora do Centro de Investigación en Tecnoloxías, Enerxía e Procesos Industriais, Cintecx, accésit na categoría técnica.

O evento contou coa participación do presidente da RAGC, Juan Lema, quen salientou o éxito desta convocatoria, con cen candidaturas presentadas, “todas elas cunha extraordinaria calidade”, ao que engadiu que estes traballos “constitúen o expoñente da mellor ciencia que se fai en Galicia, con publicacións nas mellores revistas especializadas e cunha gran proxección internacional”. Xunto a Lema, asistiu tamén a presidenta da Fundación Barrié, Pilar Romero, e diversas autoridades, entre elas, o conselleiro de Sanidade, Antonio Gómez; o presidente do Consello Económico e Social, Manuel Pérez, e o secretario xeral de Universidades, José Alberto Díez de Castro.

Premio en Ciencias Básicas

O premio na categoría de Ciencias Básicas recaeu nun proxecto centrado na utilización de dióxido de carbono para a produción de produtos químicos e biocombustibles como iniciativa para combater o cambio climático. Os seus autores, liderados por Miguel Ángel Correa no grupo de investigación TeamNanoTech (TNT), están integrados no Centro de Investigación en Nanomateriais e Biomedicina (CINBIO) da Universidade de Vigo e cofinanciado con Fondos FEDER. O galardoado destacou que “trasladar as nosas investigacións á sociedade é de vital importancia para visibilizar que a ciencia básica no só é fundamental para asegurar o futuro da sociedade, senón que tamén pode xerar beneficios a curto prazo”.

Fonte: DUVI