Novas
A firma de moda Versace acaba de poñer en marcha unha iniciativa en redes sociais (X, Instagram, Facebook e LinkedIn) na que emprega imaxes obtidas na Universidade de Vigo e no CIC biomaGUNE para amosar a beleza intrínseca das nanopartículas de ouro, un metal moi representativo desta marca italiana dende os seus inicios.
Este proxecto editorial en redes sociais convida a reflexionar sobre o concepto da beleza a distintas escalas, en formas pouco convencionais e en lugares inesperados e reivindica as imaxes científicas para este fin. En concreto, Versace seleccionou imaxes de nanopartículas de ouro sintetizadas nos laboratorios dirixidos polo investigador do CINBIO, o Centro de Investigación en Nanomateriais e Biomedicina da Universidade de Vigo e cofinanciado por fondos FEDER, e do Ikerbasque no CIC biomaGUNE, Luis Liz-Marzán. Trátase dun conxunto de fotografías que amosan a outra cara da beleza do ouro, tomadas mediante microscopía electrónica nos laboratorios de ambas institucións e no da profesora Sara Bals, da Universidade de Amberes (Bélxica). Que esta idea se convertese en realidade foi, en boa parte, grazas a Laura Tripaldi, comunicadora científica e doutora en Ciencia de Materiais e Nanotecnoloxía, que elaborou un artigo sobre a historia e as propiedades dos coloides de ouro que viu a luz neste proxecto creativo comisariado e publicado por Versace. Precisamente na procura das imaxes, atopouse coas do CIC biomaGUNE na web do proxecto europeo EUSMI, un consorcio que agrupa instalacións europeas de investigación en materia branda.
Imaxe da campaña de Versace cunha imaxe de nanopartículas de ouro no fondo
A beleza camaleónica das partículas de ouro
As nanopartículas de ouro están constituídas por miles de átomos e son dun tamaño nanométrico e as propiedades dos materiais cambian en función do seu tamaño, pero ademais, como engade Laura Tripaldi, "a cor do material tamén cambia en función do tamaño e a forma das partículas que o compoñen, a pesar de que a substancia en si segue a ser a mesma”. De feito, como explica o catedrático Luis Liz-Marzán, “unha nanopartícula de ouro está formada por átomos de ouro na súa estrutura cristalina, que necesita ter moléculas adsorbidas na superficie para poder estar dispersos nun líquido, é dicir, para formar un coloide”.
Liz-Marzán é pionero no desenvolvemento de métodos de fabricación e de modificación da superficie das nanopartículas de ouro e prata para mellorar as súas potenciais aplicacións. Neste eido, traballa nos deseños de crecemento de moitos tipos de nanopartículas, con formas de estrelas, varas, triángulos, esferas, parafusos, cubos, octaedros, decaedros, ósos, bipirámides, arames, etc. As súas publicacións teñen acadado un importante recoñecemento a nivel mundial e como el mesmo recalca “manipulando a xeometría das nanopartículas pódese variar a vontade as súas propiedades ópticas plasmónicas. A luz interacciona con estas partículas de forma diferente do que o fai con metais de maior tamaño: en función do metal, do tamaño e da xeometría da nanopartícula metálica unha determinada cor da luz provoca unha oscilación nos electróns, de modo que absorbe unha frecuencia específica de luz visible”. Precisamente é esta beleza camaleónica do ouro a que destacan dende Versace, unha beleza que cambia coa escala, revelando facetas inesperadas canto máis profundo se mira.
Aplicacións no eido da saúde
Ademais da súa beleza, o profesor Liz Marzán destaca a gran relevancia desas nanopartículas de formas sorprendentemente regulares, de tamaño uniforme e aspecto perfectamente xeométrico, porque “teñen aplicacións en moitísimos campos da saúde, como a detección específica e moi sensible de metabolitos que participan na comunicación entre bacterias, en sistemas tumorais, etc.; a detección exacta da distribución das células nun sistema tridimensional, para distinguir as células tumorais das células sas; ou aplicacións de bioimaxe para nanomedicina”.
Con todo, este é un campo con moitísimo futuro e un enorme potencial de crecemento, e o profesor Liz-Marzán e o seu equipo continúan manipulando “o encanto do ouro no nanomundo, porque nos vai abrir portas aínda inesperadas no deseño de métodos terapéuticos máis efectivos e na consecución da tan ansiada medicina personalizada”.
Fonte: DUVI
Esta nova foi publicada en varios medios de comunicación: