GL EN

Novas

16 decembro 2022Vigo acollerá por primeira vez a XIII Reunión de Jóvenes Investigador@s en el Extranjero

Italia, Estados Unidos, Reino Unido, Bélxica, Alemaña, Francia ou Suecia… Estes son algúns dos países onde traballan as científicas e os científicos galegos que van participar na XIII Reunión de Jóvenes Investigador@s en el Extranjero, un evento coñecido como IYI Meeting e que este ano terá lugar na sede Afundación de Vigo o 27 de decembro.

Este encontro reúne cada ano a persoal investigador junior galego que desenvolve a súa carreira científica no estranxeiro, e especialmente arredor de liñas de investigación vinculadas á biomedicina, co propósito de fomentar sinxerxías e brindarlles a oportunidade de aproveitar a súa volta a Galicia polo Nadal para dar a coñecer o seu traballo e informarse de posibles opcións de retorno. “Esta reunión permítenos crear e manter o vínculo con todas as investigadoras e investigadores que están fóra de Galicia por distintos motivos”, afirma David Posada, catedrático e investigador do grupo de Filoxenómica do centro de investigacións CINBIO da Universidade de Vigo, e integrante do comité organizador desta cita.

Tras doce edicións celebradas na cidade de A Coruña, “este ano o IYI Meeting viaxa por primeira vez a Vigo coa idea de comezar a rotar esta reunión por diferentes puntos de Galicia e facilitar así a asistencia de todas as investigadoras e investigadores interesados”, explica Posada, ao que engade un agradecemento especial á Dra. María Mayán e ao seu laboratorio do Instituto de Investigación Biomédica de A Coruña (INIBIC).

Biomedicina como temática protagonista

A xornada dará comezo ás 10:00 horas coa benvida a cargo de María Mayán e David Posada, como membros do comité organizador, e estenderase ata as 14:30 horas na sede Afundación de Vigo. Na apertura participarán o director do centro de investigacións CINBIO, Miguel Correa, a vicerreitora de Investigación, Transferencia e Innovación da Universidade de Vigo, Belén Rubio, e Hugo López, secretario da asociación InvestiGal (Rede Galega pola Investigación) e investigador do grupo de Sistemas Informáticos de Nova Xeración (SING) do CINBIO. Ao longo da mañá sucederanse un total de vinte charlas breves nas que as científicas e os científicos participantes presentarán traballos de diversos ámbitos da ciencia, destacando a biomedicina como temática protagonista.

Unha sesión de micro aberto e a entrega de premios ás mellores charlas porán o punto final a unha mañá chea de talento galego, reencontros e coñecemento científico.

Na páxina web do evento pódese consultar o programa completo así como toda a información relativa tanto a esta como as anteriores edicións.

O DUVI fíxose eco desta nova no seguinte artigo