News
As visitas aos laboratorios e o proxecto Nanotech amplían a oferta divulgativa do centro de investigación para Secundaria e Bacharelato
Achegar a investigación á sociedade, espertar vocacións científicas e amosar ao estudantado como se constrúe o coñecemento desde os laboratorios. Con estes obxectivos, o Centro de Investigación en Nanomateriais e Biomedicina (CINBIO) da Universidade de Vigo, e pertencente á Rede CIGUS, reforza a súa aposta pola divulgación científica cunha nova oferta de actividades dirixidas aos centros educativos, na que destacan especialmente as visitas aos seus laboratorios.
Un formulario para solicitar as visitas
A principal novidade deste curso será a apertura dun formulario de solicitude para que os centros de Secundaria e Bacharelato poidan reservar as visitas ao CINBIO, unha experiencia inmersiva que permitirá ao alumnado coñecer de primeira man como se desenvolve a investigación nun centro científico de referencia.
Durante tres horas, os grupos participantes poderán acceder a laboratorios profesionais, realizar actividades experimentais, coñecer persoal investigador e descubrir as liñas de traballo do centro en ámbitos punteiros como os nanomateriais e a biomedicina. O programa completarase cunha actividade participativa na que o alumnado deberá resolver retos e traballar en equipo para poñer a proba os coñecementos adquiridos ao longo da xornada.
A proposta busca “ofrecer unha experiencia dinámica e participativa que permita ao alumnado entrar en contacto coa ciencia real e coñecer de preto como a investigación desenvolvida en Vigo pode contribuír a mellorar o futuro”, subliñan desde a organización.
Unha experiencia piloto con valoración moi positiva
A iniciativa nace tras a experiencia piloto desenvolvida durante os últimos meses con distintos centros educativos. Un dos grupos participantes foi o do IES A Guía de Vigo. A súa profesora, Trinidad Vázquez, destaca que “a visita ao CINBIO resultou unha experiencia extraordinariamente enriquecedora tanto para o alumnado como para o profesorado acompañante”.
Segundo explica, “a posibilidade de acceder a laboratorios de investigación reais e coñecer de primeira man o traballo desenvolvido en ámbitos como a histoloxía e a química orgánica permitiu achegar a ciencia ao alumnado dun xeito próximo e motivador”.
A docente subliña ademais “o carácter práctico e participativo das actividades posteriores, centradas en aplicacións da nanotecnoloxía e da neurociencia, que espertaron un grande interese entre os estudantes e favoreceron a súa implicación activa”.
Para Vázquez, “trátase dunha actividade moi recomendable para centros educativos, xa que combina rigor científico, divulgación de calidade e unha excelente adaptación aos intereses e ao nivel do alumnado”.
Levar a nanotecnoloxía ás aulas
Xunto coas visitas, o CINBIO continuará impulsando o proxecto Nanotech, unha proposta divulgativa que busca espertar o interese do alumnado pola investigación e poñer en valor o labor científico desenvolvido no centro.
A iniciativa ofrece recursos deseñados para facilitar o traballo na aula e achegar a ciencia ao estudantado dun xeito práctico e motivador. O proxecto inclúe unha caixa experimental con materiais e recursos didácticos estruturados en diferentes bloques temáticos.
O alumnado pode coñecer que é o CINBIO, introducirse nos conceptos básicos da nanotecnoloxía, descubrir aplicacións dos novos materiais e explorar algunhas das técnicas empregadas na manipulación da materia a escala atómica, explican os promotores do proxecto. O kit proporciona ademais os materiais necesarios para realizar diferentes experiencias, favorecendo unha aprendizaxe activa e experimental.
Novo catálogo de relatorios de ciencia
Ademais, o curso académico do CINBIO tamén arrancou coa renovación do seu catálogo de relatorios divulgativos dirixidos a centros educativos. A iniciativa ofrece a oportunidade de que investigadoras e investigadores deste centro de investigación compartan co alumnado o seu coñecemento, experiencia e paixón pola ciencia a través de sesións dinámicas e adaptadas a cada nivel educativo
Os centros interesados en incorporar algunha destas actividades á súa programación poden consultar o catálogo e poñerse en contacto co equipo de comunicación do CINBIO para coordinar a súa realización.
Conectar ciencia e sociedade
Con estas iniciativas, o CINBIO reforza o seu compromiso coa conexión entre ciencia e sociedade. A través dos seus programas de divulgación, o centro busca achegar a investigación á cidadanía, fomentar novas vocacións científicas e impulsar a transferencia de coñecemento, contribuíndo así a fortalecer o papel da ciencia no progreso social e a inspirar as novas xeracións que construirán o futuro da investigación.