Novas
No CINBIO celebramos un ano máis o 11 de Febreiro (Día Internacional Muller e da Nena na Ciencia) cunhas invitadas moi especiais: 50 alumnas de 3º e 4º da ESO do IES Illa de Tambo. viñeron a coñecer o labor que fan as diferentes científicas dalgún dos nosos grupos de investigación, no marco da actividade Elas Fan CienTec organizada pola Unidade de Cultura Científica da UVigo e patrocinada por FECYT (Fundación Española para a Ciencia e a Tecnoloxía).
A xornada comezou coa recepción da nosa subdirectora Diana Valverde, cun discurso enfocado á muller na ciencia e con perspectiva de xénero. Acto seguido, as nenas recibiron un pack de mechandising da xornada consistente nun caderno, pulseira, camiseta e bata de laboratorio refugable.
O primeiro obradoiro do percorrido foi no laboratorio do grupo de Inmunoloxía, onde as alumnas aprenderon a avaliar a resposta inmunitaria. De alí pasaron ao grupo FunNanoBio, aprendendo máis sobre as propiedades dos materiais na escala dos nanómetros a través da preparación de nanopartículas de ouro. Nunha liña semellante, grazas ao TeamNanoTech e a Materiais Magnéticos puideron comprobar as propiedades ópticas e magnéticas a través da síntese de nanopartículas en disolución.
Pero as nenas tamén merecían un descanso de tanta ciencia! Por iso, na metade da visita puideron gozar dunha pequena merenda para repoñer forzas nas salas de descanso do CINBIO.
Xa coas pilas cargadas, tocoulle a quenda ao grupo de Química Orgánica (ORCHID), que tratou de mergullar ás alumnas entre moléculas a través de diferentes experimentos como o xardín botánico, a síntese de nylon e o reloxo químico de iodo.
Por último, o Laboratorio de Enfermidades Raras preparou experimentos coa mosca do vinagre (Drosophila melanogater) para explicar os cromosomas sexuais e a herdanza ligada ao sexo.
En definitiva, foi una xornada de achegamento das nenas á ciencia, xa que unha cousa é a teoría explicada nas clases e outra moi diferente é poder ver como a ciencia cobra vida entre as paredes do noso centro.
Ademais desta actividade, ao longo do mes de febreiro varias científicas do #teamCINBIO acudiron a diferentes colexios institutos para visibilizar o seu traballo a través de conferencias e relatorios:
Nuria Estévez de Filoxenómica impartiu a charla online “Ciencia con nome de muller” no Colexio Montesol situado en Vigo, falando das cifras das mulleres na ciencia, das pioneiras e da súa propia experiencia persoal. Tamén en Vigo, Diana Valverde do Laboratorio de Enfermidades Raras e Paloma Moran prepararon unha actividade para o IES Castelao, enfocada á detección xenética do sabor amargo.
Por outra parte, Verónica Salgueiriño do grupo Materiais Magnéticos impartiu a súa charla “Nanociencia en Vigo” ao alumnado de 4º da ESO e 1º de Bacharelato do IES Carlos Casares de Viana do Bolo.
Por último, Noelia Flórez e Loly Torres do grupo EQ-2 sumáronse ao 11F cunha charla sobre macroalgas no IES Plurilingüe Antón Losada Diéguez (A Estrada) dirixida ao alumnado de 1º de Bacharelato.
Estas últimas tamén participaron na V Xornada eXXperimenta en feminino, cun stand colocado na Rúa do Paseo de Ourense no que desenvolveron a actividade Quimirizando: Química & Valoración.
Ademais, a “Asociación Española de Investigación sobre el Cáncer” (ASEICA) tamén puxo en marcha outras iniciativas no marco do 11F. Entre elas atopouse “Conócelas 2022”, unha serie de charlas en colexios e institutos nas que tamén participaron científicas do #teamCINBIO. En concreto, do grupo Filoxenómica Nuria Estévez no CPI Domingo Fontán e Loretta de Chiara, ademais de África González do grupo de Inmunoloxía no IES Auga da Laxe.
Agardamos que todas estas iniciativas animen a moitas alumnas a tomar o camiño da ciencia!
Medios de comunicación que tamén contaron o noso 11F: