GL EN

Novas

08 febreiro 202411F: As científicas do CINBIO participan na oitava edición de 'Elas Fan CienTec'

Como cada ano, o mes de febreiro convértese no mes da ciencia en feminino e, coincidindo coa celebración do Día Internacional da Muller e da Nena na Ciencia (11F), as científicas do CINBIO, Centro de Investigación en Nanomateriais e Biomedicina da Universidade de Vigo, cofinanciado con fondos FEDER, súmanse a numerosas actividades divulgativas organizadas arredor do 11 de febreiro, data na que se conmemora este día en todo o mundo, co fin de visibilizar o papel das mulleres na ciencia e fomentar as vocacións científicas entre as novas xeracións.

A xa consolidada iniciativa 'Elas Fan CienTec', que este ano chegou á súa oitava edición, tivo lugar este mesmo xoves no campus de Vigo para recibir a máis de 200 mozas que cursan 3º e 4º de ESO en Vigo e a súa contorna.

Benvida a cargo da subdirectora do CINBIO Diana Valverde

Como parte desta iniciativa, que conta coa apoio da UCC+i da Universidade de Vigo na organización, o CINBIO abriu novamente as portas dos seus laboratorios ás que serán as científicas do futuro. Preto de 50 alumnas do IES Castelao de Vigo puideron participar nos sete obradoiros organizados polas investigadoras dos grupos ORCHID, NanoBioMateriais Funcionais, TeamNanoTech, Materiais Magnéticos, Física e Química de Materiais, Nanomateriais Biomiméticos, Neurocircuits, do Laboratorio de Enfermidades Raras e do servizo de Citometría do CINBIO, que acompañaron as rapazas e os seus docentes ao longo do seu particular percorrido polos diferentes laboratorios do centro, que comezou coa benvida por parte da subdirectora do mesmo, Diana Valverde.

Visita ao servizo de Citometría do CINBIO

Deste xeito, ao longo da mañá do xoves, achegáronse ás diversas liñas de investigación que se desenvolven no CINBIO: tiveron a oportunidade de coñecer un laboratorio de química orgánica con diferentes experimentos, de achegarse ás propiedades dos materiais na escala dos nanómetros e á preparación de nanopartículas de ouro, de facer xogos sobre as enfermidades raras, de sintetizar nanopartículas magnéticas e comprobar as súas propiedades ou de simular a encapsulación de fármacos. Tamén asistiron a obradoiros sobre luminiscencia, polarización da luz, sobre citometría e sobre neurocircuitos.

Un dos obradoiros consistía nun xogo de rol sobre as enfermidades raras

Obradoiro 'Un día entre moléculas' no laboratorio do grupo ORCHID

Achegándose ao mundo das nanopartículas de ouro co grupo FunNanoBio

No obradoiro organizado polo grupo Neurocircuits

Coñecendo as nanopartículas magnéticos cos grupos TeamNanoTech e Nanomateriais Híbridos

Durante o obradoiro organizado polos grupos BioMiMat e Física e Química dos Materiais

Desde o CINBIO queremos reiterar o noso agradecemento ás alumnas do IES Castelao de Vigo pola súa activa participación e a todas as persoas implicadas na organización desta iniciativa que, ano tras ano, visibiliza o papel das investigadoras e esperta a curiosidade das que serán as científicas do futuro.

Compañeiras dos servizos do apoio do CINBIO

Diana Valverde, do grupo de Enfermidades Raras, xunto coa investigadora do CIM Paloma Morán

Investigadoras de ORCHID

Investigadoras de FunNanoBio

Investigadoras de Neurocircuits

Persoal investigador de TeamNanoTech e Nanomateriais Híbridos

Persoal investigador de BioMiMat e Física e Química dos Materiais

Equipo do CINBIO que participou na organización da xornada