Novas
A recadación da carreira solidaria de Vigo Contra o Cancro impulsa o proxecto VIGO4SAR, liderado pola investigadora María Mayán
Como cada 4 de febreiro, Día Mundial contra o Cancro, a Asociación Vigo Contra o Cancro quixo poñer o foco na importancia do apoio social á investigación oncolóxica. Unha data que a entidade viguesa aproveita tradicionalmente non só para a concienciación, senón tamén para facer pública por primeira vez a cantidade recadada na emblemática carreira solidaria Vigo Contra o Cancro. O resultado de recadación deste ano son 51.800,95 euros, doados integramente ao proxecto de investigación Nuevas oportunidades para pacientes con sarcoma – VIGO4SAR.
A iniciativa científica está liderada pola Dra. María Mayán Santos, investigadora do grupo CellCOM no CINBIO, o Centro de Investigación en Nanomateriais e Biomedicina da Universidade de Vigo e pertencente a Rede CIGUS, xunto co oncólogo Dr. Juan Carrasco, do Hospital Público Álvaro Cunqueiro e do Instituto de Investigación Sanitaria Galicia Sur (IISGS).

A investigadora María Mayán lidera o proxecto xunto ao oncólogo Dr. Juan Carrasco
Un impulso clave para un proxecto pioneiro
A achega económica supón un apoio decisivo para o desenvolvemento de VIGO4SAR, un proxecto centrado na personalización dos tratamentos en pacientes con sarcoma, un dos tipos de cancro menos frecuentes e, ao mesmo tempo, cun forte impacto social por afectar maioritariamente á poboación infantil e xuvenil.
Tal e como sinala María Mayán, «grazas a esta axuda poderemos avanzar no desenvolvemento dunha plataforma que nos permita estudar a eficacia de terapias dirixidas e inmunoterapias en pacientes con sarcoma, contribuíndo así a personalizar o tratamento neste tipo de tumores, e intentar identificar novos biomarcadores que poidan axudar a mellorar o diagnóstico ou o manexo do paciente».
Para a investigadora, o valor desta iniciativa vai máis alá do estritamente científico. «É unha iniciativa que nos enche de alegría e enerxía porque vén do esforzo e do cariño da xente que está detrás de Vigo Contra o Cancro e da xente de Vigo, que a pesar do temporal do día da carreira, contribuíu para que nós puidésemos recibir esta axuda para a investigación», destacou.
Mayán subliñou tamén o significado social desta recadación, que considera un reflexo dun cambio de conciencia colectiva: «Demostra que a xente sabe o que temos que facer se queremos facer fronte a unha enfermidade como o cancro e, neste caso, o sarcoma. Saben que sen investigación non avanzaremos, e iso é moi importante. Hai uns anos esta mensaxe non calaba na sociedade; hoxe en día iniciativas como esta demostran que a sociedade quere máis investimento en I+D+i».

Doce anos de compromiso coa investigación e coa cidade
O anuncio desta recadación coincide, ademais, co peche dunha etapa. O pasado 31 de decembro de 2025, a Asociación Vigo Contra o Cancro cesou a súa actividade na cidade, despedíndose cunha carta aberta cargada de agradecemento á cidadanía viguesa por doce anos de compromiso colectivo.
No marco deste balance final, a investigadora quixo tamén expresar o seu agradecemento persoal: «Gustaríame agradecer de corazón todo o esforzo, o tempo e as ganas que puxeron as organizadoras da carreira e de Vigo Contra o Cancro; son un exemplo a seguir. Ao día seguinte apareceu na prensa un titular que dicía ‘non hai temporal que free a vontade’, e iso lémbrame ao carácter das viguesas e dos vigueses, aos que estamos profundamente agradecidos».
Un legado que queda reflectido non só nas cifras, senón tamén en proxectos como VIGO4SAR. Como resume a propia Mayán, «sentir o apoio directo da sociedade é unha grande satisfacción, que acollemos con moito agradecemento e cunha enorme responsabilidade».
O CINBIO é un centro de investigación cofinanciado con fondos FEDER e adscrito á rede de centros CIGUS (Centros de Investigación del Sistema Universitario de Galicia), promovida e financiada pola Xunta de Galicia.
#teamCINBIO #FEDERGalicia #FondosEuropeos #CIGUS