GL EN

Novas

08 abril 2024A investigadora do CINBIO Diana Valverde participa nun podcast con motivo do Día Mundial da Saúde

O 7 de abril celébrase o Día Mundial da Saúde, unha data sinalada pola Organización Mundial da Saúde para concienciar á poboación sobre a importancia de coidarse física e mentalmente para lograr levar unha vida saudable. Ao abeiro deste efeméride, desde a  Unidade de Cultura Científica e da Innovación da Universidade de Vigo acaba de lanzarse unha serie de podcast cos que promover a prevención das enfermidades cardiovasculares, resaltar a importancia da saúde cardiovascular feminina e impulsar a adopción de hábitos saudables entre a poboación galega.

As diferentes pezas estarán protagonizados por especialistas de distintas áreas relacionadas coa diagnose, seguimento de patoloxías cardiovasculares, así como a prevención e a promoción de hábitos saudables entre a poboación galega, onde a prevalencia e mortalidade deste tipo de enfermidades é moi alta.

A investigadora e líder do Laboratorio de Enfermidades Raras do CINBIO, Diana Valverde, participa no terceiro capítulo desta serie de podcasts con motivo do Día Mundial da Saúde. Nunha entrevista, conducida polo xornalista Gabriel Fuentes Míguez, fala sobre as vantaxes dos "modelos celulares" para o estudo de enfermidades e incide na importancia que ten o estudo de casos singulares para a mellora de procesos de enfermidades máis comúns, ademais de comentar os avances que está a desenvolver o seu grupo de investigación no estudo dalgunhas patoloxías como a Hipertensión Arterial Pulmonar.

Para a realización destas actividades, inseridas no Plan Anual de Actividades Ciencia de Ida e Volta, a Unidade de Cultura Científica e da Innovación da Universidade de Vigo, conta coa colaboración da Fundación Española para a Ciencia e a Tecnoloxía (FECYT) do Ministerio de Ciencia, Innovación e Universidades.

Pódese escoitar o podcast completo nesta ligazón

Fonte: DUVI