GL EN

Novas

08 novembro 2024A investigadora Verónica Salgueiriño participa nunha reunión plenaria impulsada polo Ministerio de Igualdade

'Retos das mulleres científicas na actualidade', baixo este título a investigadora Verónica Salgueiriño, líder do grupo de Nanomateriais Híbridos do CINBIO (centro especializado en Nanomateriais e Biomedicina, cofinanciado por fondos FEDER), impartiu na sesión de Capacitación celebrada na Cidade da Cultura dentro do marco da Reunión Plenaria da Rede Políticas de Igualdade entre Mulleres e Homes nos Fondos Comunitarios. O evento, organizado polo Ministerio de Igualdade, contou coa Consellería de Política Social e Igualdade como organismo anfitrión, a través da súa Dirección Xeral de Promoción da Igualdade. 

Un intre do relatorio de Verónica Salgueiriño

A Rede de Políticas de Igualdade entre mulleres e homes nos Fondos Europeos (A Rede) é un foro de debate e análise para mellorar a integración real e efectiva da perspectiva de xénero nas intervencións cofinanciadas polos Fondos Europeos durante o período de programación 2021-2027.

Ao acto asisitiu a xestora do CINBIO, Noa Caramés, ademais de contar coa presenza de representantes do Ministerio de Igualdade; da Dirección Xeral de Fondos Europeos do Ministerio de Facenda e Función Pública; do Ministerio de Traballo e Economía Social; do Ministerio de Agricultura, Pesca e Alimentación; do Ministerio de Inclusión, Seguridade Social e Migracións; así como da Xunta de Galicia, entre outros.