GL EN

Novas

30 setembro 2024A xornada “Falemos de ciencia en igualdade” celebra a súa quinta edición

Fomentar a comunicación científica e a divulgación inclusiva e desde unha perspectiva de xénero.  Esta é unha das metas do CINBIO, o Centro de Investigación en Nanomateriais e Biomedicina da Universidade de Vigo, que por quinto ano consecutivo organiza a xa consolidada xornada “Falemos de ciencia en igualdade”. O evento terá lugar de xeito presencial este venres 4 de outubro no Espazo INCUVI, situado no campus universitario de Vigo.

“A nosa intención é ofrecer á comunidade investigadora unha formación transversal que lle permita deseñar estratexias de comunicación e divulgación das súas investigacións tendo en conta a dimensión de sexo-xénero e a perspectiva de xénero”, sinala o director do CINBIO Miguel Correa, quen engade que “esta quinta edición demostra o interese por un evento xa consolidado e a aposta do noso centro pola promoción dos valores igualitarios”. A xornada desenvólvese un ano máis no marco das axudas promovidas pola Unidade de Igualdade da Universidade de Vigo para a organización de actividades que contribúan á sensibilización en materia de xénero e á transmisión de valores igualitarios na institución académica.

Imaxe da pasada edición do evento

Tres relatorios, un monólogo científico e un coloquio conforman o programa

Esta quinta edición dará comezo a partir das 09:00 horas deste venres coa benvida e presentación a cargo da directora da Unidade de Igualdade da Universidade de Vigo, Águeda Gómez, e do director do CINBIO, Miguel Correa, que darán paso á primeira conferencia Como loitar contra a “fenda de papel”, o desequilibrio de xénero nas fontes xornalísticas: o caso das Superpoderosas, impartida pola coordinadora editorial de Proxectos de Maldita.es, Rocío Benavente, que presentará un proxecto orientado a aumentar o número de expertas na prensa. Tras ela, tomará a palabra a xornalista científica e directora da Unidade de Cultura Científica da Universidad de Córdoba, Elena Lázaro, co seu relatorio Casos e accións de éxito na comunicación inclusiva da ciencia, unha análise de casos desde o ámbito de xénero e a situación sociocultural. A continuación, Zoe Seoane, presidenta da asociación "No more Matildas" e CEO da empresa de I+D de "new wearalbles" Zoetech, impartirá a última charla baixo o título Percepción, xénero e ciencia: o efecto Matilda, unha reflexión das limitacións da nosa percepción co fin de eliminar barreiras de entrada e crear unha ciencia máis xusta e inclusiva.

Tras unha breve pausa, que permitirá ás persoas asistentes compartir ideas e experiencias, así como promover as sinerxías, a divulgadora científica Marta Trillo porá un toque de humor ao evento co seu monólogo científico Paciencia na ciencia, no que relatará o día a día das mulleres na investigación e na divulgación científica, desde o aspecto máis persoal ata transcender á sociedade. Un coloquio moderado pola investigadora Verónica Salgueiriño, líder do grupo do grupo de  Nanomateriais Híbridos e membro do Comité de RRI, Igualdade e non discriminación do CINBIO,  pechará esta acción formativa co fin de fomentar a reflexión colectiva.

A inscrición previa xa está dispoñible

As persoas interesadas en asistir deberán inscribirse previamente a través do formulario que xa está dispoñible na páxina web do CINBIO, sendo unha acción formativa aberta ao público xeral, e de especial interese tanto para o persoal investigador do CINBIO como para membros da comunidade universitaria da Universidade de Vigo, que poderán validala para o recoñecemento de créditos ECTS.