GL EN

Novas

21 maio 2024Alumnado do Programa Universitario de Maiores visita o CINBIO

Comezamos a semana recibindo unha visita moi especial por parte das e dos estudantes que cursan a materia de "Bioloxía humana e saúde" dentro do Programa Universitario de Maiores (PUM) da Universidade de Vigo, e impartida no campus da cidade de Vigo por Mercedes Peleteiro, responsable do servizo de Citometría de Fluxo do CINBIO.

Un total de 14 estudantes do PUM tiveron a oportunidade de pasar unha mañá diferente, na que dar saída á súa curiosidade científica a través dunha visita de preto de dúas horas. Na súa estadía coñeceron de preto o traballo desenvolvido por diversos grupos de investigación do CINBIO, desde o grupo de Filoxenómica ata o grupo de Inmunoloxía, pasando tamén polos laboratorios dos grupos de Nanomateriais Biomiméticos (Biomimat) e de Física e Química de Materiais (MCPG).

Unha vez máis este participativo grupo de estudantes demostrou que o interese pola ciencia e a investigación non entende de idades. Desde o CINBIO agardamos poder recibir máis visitas coma esta e seguir achegando a ciencia ao público xeral dun xeito ameno e accesible.