GL EN
Twitter bSky

Novas

18 marzo 2026Ana Pontón avoga no CINBIO por situar a Galicia na vangarda da ciencia

Máis ambición nas políticas de apoio á ciencia e á innovación e tamén nas de igualdade neste ámbito foi o que demandou a portavoz nacional do BNG, Ana Pontón, logo da visita que este mediodía realizou ao CINBIO, o Centro de Investigación en Nanomateriais e Biomedicina da Universidade de Vigo e pertencente á Rede CIGUS, onde se reuniu co seu director Miguel Correa, e coa investigadora e directora do grupo CellCom, María Mayán.

A portavoz nacional do BNG, que lamentou que “Galicia non estea na cabeza do Estado e moi lonxe da media europea en investimento en ciencia e investigación”, lembrou a importancia de apostar nestes ámbitos para aguantar mellor as crises e afeou á Xunta “a falta de compromiso por non ter unha política científica clara”, dixo. Ana Pontón lamentou, así mesmo a discriminación que as mulleres seguen a padecer no ámbito da investigación, onde se ben “hai unha incorporación moi grande de mulleres na base do sistema científico, hai menos que teñan a oportunidade de dirixir grupos”. 

Correa agradeceu o interese de Pontón “por saber como está a ciencia en Galicia e coñecelo na nosa propia voz” e manifestouse disposto a “achegar calquera cousa e axudar a que Galicia sexa máis forte, porque investir en investigación é clave para o futuro”. Pola súa banda, María Mayán destacou “a especial sensibilidade que Pontón sempre mostrou cara o sistema científico e iso é de agradecer” e insistiu en que “a ciencia para ter éxito, precisa do apoio da política e coñecela desde dentro é fundamental”.

Avaliar a lei Ángeles Alvariño e creación de Innogal

Como proba, dixo, do compromiso do BNG co aproveitamento do talento das mulleres e fomentar as vocacións científicas, Pónton lembrou a aprobación no Parlamento de Galicia hai cinco anos da lei Ángeles Alvariño a iniciativa da formación nacionalista, “para poñer freo a que no século XXI as mulleres tiveran que elixir entre ser nais ou científicas”. Unha norma, que co compromiso de ser máis ambiciosos nas políticas de igualdade e apoio a ciencia, Pontón considera que cómpre avaliar para coñecer o seu resultado, e á que avanzou se sumarán outras propostas como a creación dun centro de investigación feminista, e a aspiración de que Galicia acade que o 2,5% do seu PIB se destine a políticas de I+D+i.

Así mesmo, Pontón confirmou que logo de facelo o ano pasado, “levaremos de novo ao Parlamento de Galicia unha lei para crear o Innogal, Fundación Galega para a Ciencia, tomando co base as experiencias de vascos e cataláns, Ikerbasque e ICREA, para ter un instrumento ao servizo da innovación para captar e reter talento e posicionar Galicia no lugar onde se merece nun ámbito no que temos todo para avanzar, con centros de referencia e instrumentos que nos sitúen na vangarda da ciencia”, dixo a portavoz do BNG este mediodía no CINBIO. 

O CINBIO é un centro de investigación cofinanciado con fondos FEDER e adscrito á rede de centros CIGUS (Centros de Investigación del Sistema Universitario de Galicia), promovida e financiada pola Xunta de Galicia.

#11F #teamCINBIO #FEDERGalicia #CIGUS

Fonte: DUVI