Novas
Este mes de febreiro estivo protagonizado pola conmemoración do 11F, o Día Internacional da Muller e a Nena na Ciencia. Ao longo de todo o mes, as investigadoras do CINBIO, Centro de Investigación en Nanomateriais e Biomedicina da Universidade de Vigo e pertencente á Rede CIGUS, participaron en diversas actividades, como os obradoiros Elas Fan CienTec do campus de Vigo ou a feira divulgativa eXXperimenta en feminino do campus de Ourense, sempre co obxectivo común de poñer en valor o talento e o traballo das mulleres na ciencia co fin de fomentar as vocacións científicas nas novas xeracións.

Nuria Estévez, do grupo de Filoxenómica, visitou o IES Chapela de Redondela
Grazas á colaboración da FECYT e o apoio da Unidade de Igualdade e da UCC+i da UVigo, outro dos puntos fortes da programación do 11F nesta institución foron as charlas divulgativas en centros educativos. A través desta iniciativa, as científicas do CINBIO puideron conversar con arredor de 400 estudantes de varios niveis educativos, desde 3º de Primaria ata 1º de Bacharelato, a través da súa visita a diferentes escolas e institutos ubicados en concellos da nosa contorna, como Redondela, Ponteareas, O Porriño, Ribeira, Vigo ou Salvaterra do Miño. Nesta edición de 2026 Nuria Estévez Gómez, Mercedes Peleteiro Olmedo, Andrea Fernández Carrera, Lara González Cabaleiro, Sarai Moledo Rodríguez, Laura Ceide Sandoval, Susana Magadán Mompo, Andrea Hernández, Silvia Lorenzo, Paula Lorenzo Fernández, Ainhoa Rodríguez Tébar, Elena Frediani e Valeria Zoni foron as científicas do CINBIO que se sumaron a esta iniciativa que cada ano achega ao alumnado referentes femininos próximos.

Elena Frediani durante a súa charla no CEIP Canicouva de Vigo

Ainhoa Rodríguez durante a súa charla no Colexio Monterrey de Vigo
O CINBIO é un centro de investigación cofinanciado con fondos FEDER e adscrito á rede de centros CIGUS (Centros de Investigación del Sistema Universitario de Galicia), promovida e financiada pola Xunta de Galicia.
#11F #teamCINBIO #FEDERGalicia #CIGUS