Novas
O mes de maio comezou con varias visitas de científicas do CINBIO, centro cofinanciado con fondos FEDER, a centros educativos da nosa contorna para impartir charlas divulgativas co fin de fomentar as vocacións científicas do estudantado e espertar a súa curiosidade polo mundo da ciencia e da investigación.
Nesta ocasión, a investigadora e líder do grupo de Inmunoloxía do CINBIO, África González, compartiu unha charla sobre vacinas, inmunoloxía e aplicacións da investigación neste eido co alumnado de 4º de ESO do Colexio Quiñones de León de Vigo.
África González durante a súa charla no Colexio Quiñones de León (Vigo)
Pola súa banda, a investigadora do grupo de Química Orgánica (ORCHID) do CINBIO, Belén Vaz, achegouse ata o IES Indalecio Pérez Tizón, para participar na xornada "Donas de si". Alí tivo un encontro con arredor de 20 estudantes de 4º da ESO, que amosaron gran interese pola materia. Ademais de dar a coñecer o traballo dunha investigadora, esta actividade, promovida polo equipo de igualdade, convivencia e benestar deste instituto de Tui, tiña por finalidade concienciar ao alumado das dificultades ás que se enfrontan as mulleres no ámbito da ciencia e poñer en valor a importancia da conciliación.
Belén Vaz durante a charla que impartiu no IES Indalecio Pérez Tizón (Tui)
Agardamos que fosen dúas experiencias interesantes para o estudantado participante!