GL EN
Twitter bSky

Novas

05 marzo 2026"Ciencia en feminino" do CINBIO, unha xornada inspiradora e de gran participación

Con motivo do Día Internacional da Muller, o Centro de Investigación en Nanomateriais e Biomedicina da Universidade de Vigo (CINBIO), pertencente á Rede CIGUS, celebrou con grande éxito a xornada Ciencia en Feminino: catro traxectorias, mil desafíos, unha iniciativa que logrou unha destacada participación e cumpriu amplamente co seu obxectivo de dar visibilidade ao papel das mulleres na ciencia.

O encontro reuniu a catro recoñecidas investigadoras do CINBIO —Ana Gago, Diana Valverde, África González e María Mayán—, quen compartiron co público as súas traxectorias persoais e profesionais nun ambiente próximo e inspirador. As súas intervencións permitiron afondar en cuestións clave como os desafíos atopados ao longo das súas carreiras, os logros acadados, a importancia das mentoras, a conciliación ou o liderado feminino, ofrecendo ademais valiosos consellos ás novas xeracións.

A xornada destacou polo seu formato áxil e dinámico, que favoreceu a participación activa do público. As investigadoras responderon a preguntas breves e directas, nun estilo fresco que facilitou o diálogo aberto e honesto. Este enfoque contribuíu a crear un ambiente de identificación e cercanía, tal e como pretendía o grupo de RRI, Igualdade e Non discriminación do CINBIO, organizador do evento.

Celebrado o pasado 5 de marzo no salón de graos do edificio de Ciencias Experimentais do campus de Vigo, o evento reuniu a numeroso público, especialmente estudantes e persoas investigadoras novas interesadas en coñecer de primeira man como é unha carreira científica real. Un dos momentos máis valorados foi o espazo dedicado á interacción, no que as persoas asistentes puideron formular preguntas tanto de maneira directa como anónima, xerando un enriquecedor debate.

Ciencia en Feminino: catro traxectorias, mil desafíosconsolidouse así como unha iniciativa de gran impacto, contribuíndo a inspirar vocacións, visibilizar referentes femininos e promover unha ciencia máis diversa, inclusiva e representativa.

Este éxito enmárcase no compromiso firme do CINBIO coa igualdade de xénero, recoñecido polo distintivo outorgado pola Universidade de Vigo no ano 2022. Iniciativas como esta, xunto con outras medidas impulsadas polo centro, reforzan o seu papel como referente na promoción dunha investigación responsable, igualitaria e comprometida coa sociedade.