GL EN
Twitter bSky

Novas

25 febreiro 2026Ciencia en Feminino no CINBIO: catro traxectorias, mil desafíos

Con motivo do 8 de marzo, Día Internacional da Muller, o Centro de Investigación en Nanomateriais e Biomedicina da Universidade de Vigo (CINBIO), pertencente á Rede CIGUS, organiza o evento “Ciencia en Feminino: catro traxectorias, mil desafíos”, unha xornada pensada para dar voz, visibilidade e protagonismo á carreira da muller científica. 

O encontro reunirá a catro científicas de referencia do CINBIO: Ana Gago, Diana Valverde, África González e María Mayán, investigadoras consolidadas e líderes de grupos de investigación, que compartirán co público as súas experiencias persoais e profesionais no ámbito científico. A través das súas historias abordaranse cuestións clave como os desafíos aos que se enfrontaron, os logros acadados, o papel das mentoras, a conciliación, o liderado feminino e os consellos máis valiosos para quen está a dar os seus primeiros pasos na ciencia.  

Un formato áxil e próximo 

O evento desenvolverase nun formato dinámico e moi participativo, no que as investigadoras responderán de maneira breve —en intervencións de un ou dous minutos— a preguntas directas sobre os seus referentes, así como os maiores desafíos aos que se teñen enfrontado e os seus principais logros, pasando polos consellos que lles darían ás novas xeracións. 

“Este formato busca favorecer a proximidade, o diálogo honesto e a identificación do público coas experiencias compartidas” subliñan desde o grupo de RRI, Igualdade e Non discriminación do CINBIO, promotor deste encontro. Creado en febreiro de 2021, este grupo transversal abrangue todos os perfís profesionais do centro, co obxectivo de establecer pautas e accións que permitan visibilizar o compromiso do CINBIO coa Investigación e Innovación Responsables (RRI), a igualdade e a non discriminación.    

Ciencia con vocación inspiradora 

O evento celebrarase o día 5 de marzo ás 12h no Salón de Grados do edificio de Ciencias Experimentais do campus de Vigo e, aínda que está aberto a todo o público, o foco sitúase especialmente en estudantes de ciencias e persoas investigadoras novas que queiran coñecer de primeira man como é unha carreira científica real, cos seus retos e oportunidades, contada por mulleres que hoxe ocupan postos de liderado. 

A xornada reservará un espazo destacado para a interacción co público, fomentando preguntas, reflexións e debate, co obxectivo de que as persoas asistentes consigan ferramentas, referentes e motivación para o seu propio camiño profesional. O público tamén poderá participar mediante preguntas directas ou anónimas, a través dunha caixa na que poderán introducir preguntas en calquera momento da xornada. 

“Ciencia en Feminino: catro traxectorias, mil desafíos” preséntase así como unha oportunidade para inspirar, visibilizar e construír referentes, contribuíndo a unha ciencia máis diversa, inclusiva e representativa. 

Un centro pioneiro en igualdade de xénero 

Ademais dun grupo propio de RRI, Igualdade e Non discriminación, o CINBIO conta desde o ano 2022 co Distintivo de Igualdade outorgado pola Universidade de Vigo, unha  insignia que recoñece  o esforzo por investigar, ensinar, transferir, xestionar e producir coñecemento científico, incorporando a perspectiva de xénero e feminista. Así, iniciativas como a sala de lactación ou o punto violeta, fan do CINBIO un centro moi comprometido coa igualdade de xénero.