GL EN

Novas

03 xuño 2024Científicas do CINBIO ofrecen experimentos nas rúas de Pontevedra para que afloren as vocacións científicas

Visualizar a estrutura do ADN a partir dun anaco de plátano. Esta foi a proposta ofrecida polas investigadoras do grupo de Filoxenómica do CINBIO (centro cofinanciado por fondos FEDER) para a celebración da expo-feira científica "A ciencia que vén", que tivo lugar o pasado venres na praza da Ferraría de Pontevedra. Xunto a elas, outros 13 grupos de investigación da Universidade de Vigo deron a coñecer as súas liñas de traballo a través de obradoiros e actividades dirixidas a un público familiar. Contribuír ao fomento de vocacións científicas entre as novas xeracións, así como achegar á cidadanía o traballo do persoal investigador eran os obxectivos dun evento que arrancou pola mañá coa visita de preto de 150 escolares dos CEIP Froebel e Barcelos, abríndose pola tarde ao público xeral.

As científicas Loretta De Chiara e Nuria Estévez, do grupo de Filoxénomica do CINBIO, durante a feira.

Organizada pola Unidade de Cultura Científica e da Innovación (UCC+i), esta feira insírese no programa anual de actividades 2023/2024 do plan de Ciencia de Ida e Volta e conta co financiamento da Fundación Española para la Ciencia y la Tecnología (FECYT) – Ministerio de Ciencia, Innovación y Universidades e da Deputación de Pontevedra, así como coa colaboración do Concello. Despois de desenvolver en Vigo as súas primeiras edicións, a feira trasladábase neste 2024 a Pontevedra, onde era inaugurada na tarde deste venres por Belén Rubio, vicerreitora de Investigación, Transferencia e Innovación; Mónica Valderrama, vicerreitora de Comunicación e Relacións Institucionais; Eva María Lantarón, vicerreitora do campus de Pontevedra; Sandra Bastos, deputada provincial, e Demetrio Gómez, concelleiro de Educación.

Nas 14 carpas da feira, lembrou Belén Rubio, están representadas investigacións “do ámbito científico e tecnolóxico, como do humanístico”, permitindo achegarse “aos ámbitos do saber representados na Universidade”. A vicerreitora de investigación puxo así mesmo de relevo que se trata da primeira edición que se leva a cabo en Pontevedra, “onde temos o Campus Crea e un dos obxectivos do persoal investigador é crear cousas novas”, o que á súa vez levouna a pór de relevo o valor “de que a sociedade saiba da importancia da investigación”, outro dos obxectivos dunha feira nas que están representados, lembrou, os centros de investigación CINBIO, Cintecx, atlanTTic e CIM.

Fonte: DUVI