GL EN

Novas

09 febreiro 2024Científicas do CINBIO participan na cuarta edición de 'CONÓCELAS' de ASEICA

Achegar ás aulas de centros educativos o papel das científicas que desenvolven o seu traballo de investigación en cancro é o principal obxectivo co que a Asociación Española de Investigación sobre el Cáncer (ASEICA) pon en marcha por cuarto ano consecutivo a iniciativa 'CONÓCELAS'.

Con motivo da celebración do Día Internacional da Muller e a Nena na Ciencia, a organización desta iniciativa pretende visibilizar ás científicas que investigan en cancro dun xeito dinámico e interactivo, ademais de animaor ao alumnado en xeral, e ás rapazas en particular, a que se interesen pola ciencia dun xeito divertido, en contacto directo con investigadoras, con fin de rachar cos estereotipos de xénero.

Nesta ocasión, as investigadoras Loretta de Chiara e Nuria Estévez, do grupo de Filoxenómica, e María D. Mayán, líder do grupo CELLCOM, ambos pertencentes ao CINBIO, están entre as máis de 300 'Detectives do cancro' que participan nesta cuarta edición. Ao longo desta semana impartiron as súas charlas con estudantes de 2º, 3º e 4º do Grao en Bioloxía da Universidade de Vigo e co alumnado de 5º e 6º de Primaria do centro educativo Coruña British International School.

Na páxina web de ASEICA pódese ampliar a información sobre estas actividades.