GL EN
Twitter bSky

Novas

15 xaneiro 2026Científicas e científicos de 14 nacionalidades homenaxean en Vigo ao investigador do CINBIO Luis Liz-Marzán

Arredor de 70 especialistas procedentes de 9 países -14 nacionalidades-, pertencentes a 20 institucións científicas de referencia internacional participaron este xoves en Vigo no simposio Fronteiras nas Nanostruturas Plasmónicas, un evento dedicado a celebrar o 60 aniversario do profesor Luis Liz-Marzán e as súas contribucións pioneiras á investigación en nanocristais coloidais e nanoplasmónica.

O encontro, organizado polos docentes da Universidade de Vigo Isabel Pastoriza e Lakshminarayana Polavarapu, discípulos ambos do profesor Liz-Marzán, reuniu no Museo de Arte Contemporáneo de Vigo a membros actuais e antigos do seu grupo de investigación que hoxe desenvolven a súa carreira en institucións científicas de referencia, na industria e na docencia. Desde Andrés Guerrero, catedrático e director do Departamento de Química Física da Universidade Complutense de Madrid, pasando por Christian Kuttner, editor da revista Nature Communications en Alemaña; desde Guangchao Zheng, profesor da Universidade de  Zhengzhou, en China, ata a viguesa Sara Abalde, investigadora do Laboratorio Ibérico Internacional de Nanotecnoloxía en Braga, a quen lle concederon recentemente unha prestixiosa axuda do programa ERC-Consolidator da Unión Europea, sen esquecerse dos catedráticos da UVigo Miguel A. Correa-Duarte (actual director do CINBIO) e Verónica Salgueiriño, por citar só algúns dos exemplos máis representativos.

Foi unha oportunidade única para revisar décadas de avances en nanoplasmónica, desde a síntese e autoensamblaxe de nanopartículas metálicas ata aplicacións en sensórica, biomedicina e diagnóstico precoz. Ao mesmo tempo, houbo tamén oco para debater sobre retos e oportunidades futuras neste ámbito.

"Científico sobresaínte, mentor inspirador e amigo próximo"

Alén das presentacións científicas, o simposio destacou o impacto duradeiro do labor de mentoría de Liz-Marzán, que deu lugar a unha rede internacional de investigadores e profesionais, reforzando o sentido de comunidade e colaboración. 

“O profesor Liz-Marzán non só se distingue como científico sobresaínte, senón tamén como mentor inspirador e amigo próximo, sempre disposto a ofrecer axuda e consello”, explica a catedrática Isabel Pastoriza, actual líder o grupo de investigación FunNanoBio no CINBIO, o Centro de Investigación en Nanomateriais e Biomedicina da Universidade de Vigo e pertencente á Rede CIGUS, equipo fundado polo propio Luis e Pablo Hervés (antes Grupo de Química Coloidal) a mediados dos anos noventa. “Desde os meus comezos Luis converteuse nun referente para min pola súa visión e talento científico, capacidade de orientación e contribucións excepcionais ao campo da nanociencia. A súa guía durante e despois do doutoramento foi decisiva para a miña carreira investigadora”, salienta Pastoriza, un sentimento que é compartido entre os seus discípulos.

Tal e como se expuxo durante o encontro, a súa investigación pioneira e labor de mentoría marcaron as carreiras de numerosos científicos novos, deixando unha pegada duradeira na nanociencia. Os antigos membros do seu grupo lembran a súa visión, entusiasmo e apoio constante, así como a súa apertura a novas ideas. “Baixo a súa dirección, creouse un ambiente colaborativo que fomentou creatividade e excelencia, impulsando investigadores que hoxe lideran carreiras de éxito en todo o mundo”, apunta a catedrática da UVigo, ao que engade que entre os méritos de Liz Marzán está tamén consolidar a Vigo no mapa global da investigación en nanocristais. “O seu legado continúa inspirando á comunidade científica a explorar novos límites con curiosidade, rigor e creatividade”.

Número especial da revista Advanced Optical Material

A idea de organizar esta xuntanza xurdiu a partir dunha proposta do profesor Lakshminarayana Polavarapu, quen fora investigador posdoutoral no grupo de Luis e agora dirixe o grupo de Química e Física de Materiais no CINBIO. El propuxo organizar un numero especial na revista  Advanced Optical Material con contribucións de amigos e antigos membros do grupo de Luis e, a partir de aí, Pastoriza suxeriu organizar o encontro.

Agora este simposio foi, precisamente, o lugar elixido para entregarlle ao homenaxeado, da man da editora xefa da revista, a doutora Anja Wecker,  o orixinal en papel do volume publicado, para o que, entre outros, se contou coa colaboración da catedrática da Universidade de Amberes Sara Bals, quen deseñou unha portada en homenaxe ao científico galego.

Fonte: DUVI