GL EN
Twitter bSky

Novas

17 outubro 2025CINBIO combate a desinformación e fomenta os valores igualitarios no ámbito científico

Dotar á comunidade universitaria de ferramentas para identificar e combater as novas falsas e acadar unha comunicación científica máis xusta e rigorosa, ao tempo que se fomentan valores igualitarios. Este foi o principal obxectivo co que xurdiu a primeira edición da xornada Fake news de xénero na ciencia: como detectar e verificar a desinformación, organizada polo CINBIO, o Centro de Investigación en Nanomateriais e Biomedicina da Universidade de Vigo e pertencente á Rede CIGUS, e celebrada este venres no espazo INCUVI do campus universitario de Vigo.

Centrada no impacto da desinformación desde a perspectiva de xénero, trátase dunha xornada novamente desenvolvida no marco das axudas promovidas pola Unidade de Igualdade da Universidade de Vigo para a organización de actividades que contribúan á sensibilización en materia de xénero e á transmisión de valores igualitarios na institución académica. O director do CINBIO, Miguel Correa, foi o encargado de dar a benvida institucional ás persoas asistentes, poñendo en valor o traballo da Unidade de Igualdade e subliñando que, como centro de investigación, “para o CINBIO é fundamental fomentar o pensamento crítico e afrontar o reto de dar credibilidade á ciencia” . A directora da Unidade de Igualdade da UVigo, Yolanda Rodríguez, subliñou que “hoxe en día vivimos nun contexto marcado pola desinformación, unha problemática que alcanza unha gran dimensión no ámbito científico, afectando especialmente á visibilidade das mulleres investigadoras”, polo que agradeceu ao CINBIO que presentase esta proposta ás axudas promovidas pola unidade que dirixe. Pola súa banda, a vicerreitora de Investigación da Universidade de Vigo, Belén Rubio, destacou a participación de profesionais, xornalistas e investigadoras de primeiro nivel nesta xornada, agradecéndolles a súa xenerosidade por compartir a súa experiencia.

Lorena Blanch, Miguel Correa, Belén Rubio e Yolanda Rodríguez na inauguración da xornada

Tras o acto de benvida, a xornalista especializada en Alfabetización Mediática en Maldita Educa, Vivian Rangel, foi a encargada de abrir a xornada cunha ponencia marco sobre como identificar e evitar a viralización de bulos e narrativas desinformadoras de xénero. Na súa intervención ofreceu ás persoas asistentes unha ampla análise das tipoloxías e motivacións da desinformación e os bulos que afectan ás mulleres científicas, dando paso a un debate aberto ao público e moderado por Lorena Blach, da unidade de Xestión do CINBIO.

A xornalista especializada en alfabetización dixital Vivian Rangel

Tras unha breve pausa, o segundo bloque da formación puxo o foco nas ferramentas de verificación de datos e as estratexias contra as noticias falsas, grazas a unha sesión práctica e un exercicio interactivo guiado pola investigadora e docente no ámbito da comunicación, con experiencia en desinformación, comunicación política e medios dixitais, Erika Conde Vázquez. Así mesmo, unha mesa redonda sobre os desafíos e boas prácticas para combater a desinformación, protagonizou o bloque final da xornada, coa participación de María Lameiras, doutora en Psicoloxía e profesora da Universidade de Vigo; Alberto Dafonte Gómez, doutor en Comunicación Audiovisual e Publicidade, e  Profesor Titular na UVigo; Verónica Salgueiriño, investigadora principal do grupo de Nanomateriais Híbridos e membro do Comité de RRI, Igualdade e non discriminación do CINBIO; e Elena Martín, realizadora audiovisual, xornalista e colaboradora en medios como O Salto Galiza, GCiencia ou Pikara Magazine.

Intervención de Erika Conde

María Lameiras, Alberto Dafonte e Verónica Salgueiriño durante a mesa redonda moderada por Elena Martín

A directora xeral de Promoción da Igualdade e presidenta da Unidade Muller e Ciencia da Xunta de Galicia, María Quintiana Pérez, foi a encargada de clausurar a xornada e dar paso a unha sesión de networking que permitiu ás persoas asistentes intercambiar ideas e establecer novos contactos.

María Quintiana Pérez clausurou a xornada

O CINBIO é un centro de investigación cofinanciado con fondos FEDER e adscrito á rede de centros CIGUS (Centros de Investigación del Sistema Universitario de Galicia), promovida e financiada pola Xunta de Galicia.

#teamCINBIO #FondosEuropeos #CIGUS