Novas
A comprensión da resposta inmunitaria nos peixes de cultivo segue sendo un dos grandes retos científicos da acuicultura. Para dar resposta a esta limitación nace AquTRep (T cell Repertoire Analysis: development of immunological tools to evaluate vaccine protection in key European farmed fish species), un proxecto de investigación internacional que ten como obxectivo desenvolver novas ferramentas para avaliar e mellorar a eficacia das vacinas en especies clave da acuicultura europea.
AquTRep está coordinado por Susana Magadán, investigadora do CINBIO (Centro de investigación da rede CIGUS) e conta coa participación do Norwegian Veterinary Institute e da UiT The Arctic University of Norway (Noruega), do INRAE, l'Institut national de recherche pour l’agriculture, l’alimentation et l’environnement (Francia) e do Instituto de Acuicultura Torre de la Sal do CSIC (España). O proxecto está cofinanciado polo programa Horizon Europe, a través da European Partnership on Animal Health and Welfare (Eupahw), e pola Axencia Estatal de Investigación (AEI), no marco dos Proxectos de Colaboración Internacional do Programa Estatal de Transferencia e Colaboración. O orzamento total ascende a 600.000 euros, dos cales 270.000 euros corresponden á Universidade de Vigo.
O proxecto botou a andar en outubro de 2025, cunha primeira reunión de coordinación e en decembro asinouse o convenio entre participantes. A súa duración total será de 36 meses, ata setembro de 2028.
Abordar unha lagoa clave no coñecemento inmunolóxico
AquTRep parte dos principios de One Health e One Welfare, que subliñan a conexión entre a saúde animal, humana e ambiental. Na actualidade, a eficacia das vacinas en peixes avalíase case exclusivamente mediante ensaios in vivo e a medición de anticorpos, deixando de lado outros compoñentes esenciais do sistema inmunitario, como os linfocitos T. Este descoñecemento limita o desenvolvemento de vacinas máis eficaces e favorece o uso de axentes químicos, contribuíndo á aparición de resistencias a tratamentos, un problema recoñecido a nivel global no marco da resistencia aos axentes antimicrobianos. O proxecto centrarase no estudo da resposta inmunitaria mediada por células T en cinco especies clave da acuicultura europea: rodaballo, linguado, dourada, troita e salmón atlántico. Para iso empregarase secuenciación masiva (HTS) e ferramentas bioinformáticas que permitirán analizar a dinámica e diversidade dos receptores das células T nestes organismos.
Segundo Susana Magadán, “contar con este proxecto significa liderar unha iniciativa pioneira que cobre unha lagoa no coñecemento sobre a inmunidade adaptativa en peixes, facendo especial fincapé no papel das células T na protección inducida por vacinas”. A investigadora destaca tamén que o proxecto supón “un paso decisivo na consolidación da miña carreira, ao coordinar un consorcio europeo que integra expertos en inmunoloxía, xenómica e acuicultura”.
Obxectivos e resultados esperados
O obxectivo principal de AquTRep é implementar tecnoloxías de secuenciación masiva para monitorizar e caracterizar as respostas inmunitarias mediadas por células T, co fin de validar e mellorar a eficacia das vacinas. Entre os seus fitos destacan a creación dunha base de datos pública e validada dos xenes dos receptores de linfocitos T, a estandarización de protocolos de laboratorio e análises bioinformáticas, e o estudo das modificacións destes repertorios tras a vacinación, integrándoos coa resposta de anticorpos.
Ao finalizar o proxecto agárdase dispoñer de recursos en aberto, como bases de datos, protocolos e ferramentas bioinformáticas validadas, que sirvan de referencia para futuros estudos sobre inmunidade adaptativa en peixes.
A medio e longo prazo, AquTRep contribuirá a mellorar a saúde e o benestar dos peixes cultivados, reducindo a mortalidade e o sufrimento animal, e a reforzar a loita contra a resistencia antimicrobiana, en liña co enfoque One Health. Ademais, favorecerá unha acuicultura máis sostible e a xeración de coñecemento científico aberto, con impacto directo na investigación, na sociedade e no sector produtivo.
A difusión dos resultados realizarase mediante publicacións científicas en acceso aberto, repositorios internacionais, congresos, seminarios, talleres e actividades divulgativas dirixidas tanto á comunidade científica como ao público xeral, co obxectivo de achegar á sociedade a importancia da saúde dos peixes para garantir unha produción alimentaria segura e sostible.