Novas
A edición 2024 do Ranking of the World Scientists: World’s Top 2% Scientist sitúa 43 investigadores e investigadoras da Universidade de Vigo entre os máis citados do mundo. Segundo esta clasificación, elaborada pola Universidade de Stanford e Elsevier, son dez máis dos que aparecían na listaxe do pasado. O catedrático de Xenética David Posada, líder do grupog de Filoxenómica do Centro de Investigación en Nanomateriais e Biomedicina, CINBIO, é o primeiro clasificado da UVigo, no posto 727 da listaxe global e no posto 11 entre os mellores do mundo dentro da súa área de coñecemento.
A base de datos da Universidade de Stanford analiza as publicacións de científicos “de primeiro nivel”, é dicir, persoal investigador que se atopa entre o 2% superior da base de datos Scopus, proporcionando de cada unha e un deles información estandarizada sobre citas, índice H, índice HM axustado por coautoría, citas de artigos en diferentes posicións de autoría e un indicador composto, entre outros aspectos, proporcionando métricas con e sen autocitas. Ademais, o ránking ofrece tanto unha perspectiva global do impacto das citas ao longo da carreira de cada investigador e investigadora como unha clasificación atendendo aos datos do último ano, o 2023. A primeira lista, coa traxectoria completa, contén 217.097 investigadores, mentres que a segunda, a relativa ás citas no 2023, inclúe 223.152 científicos e científicas. O ranking tamén inclúe unha clasificación das e dos investigadores atendendo aos eidos de coñecemento, un total 22 campos científicos e 174 subcampos, segundo a clasificación estándar de Science-Metrix.
David Posada, á cabeza dos máis citados da UVigo
Con 74.016 (citas excluíndo as autocitas) e 180 papers publicados dende 1998, o catedrático David Posada encabeza, un ano máis, a lista de científicos e científicas da Universidade de Vigo na listaxe que pondera a carreira completa. En concreto, ocupa o posto 727 cun índice H de 54 excluíndo as autocitas e de 58 tendo en conta todas as citas.
Este ránking inclúe tamén unha listaxe atendendo ás e aos máis científicos máis citados no ano 2023, que no caso da UVigo encabeza o investigador do Departamento de Química analítica e alimentaria e do instituto Agroecolox Jianbo Xiao, no posto 1289 do mundo , seguido polo catedrático David Posada, no posto 1643. Por detrás deles aparece a catedrática de Enxeñaría química e investigadora do CINBIO Hermina Domínguez, no 21.155 do mundo.
Por ámbitos, David Posada no posto 11 do mundo
Atendendo á clasificación por ámbitos de coñecemento, o mellor clasificado da Universidade de Vigo volve ser, un ano máis, o catedrático David Posada, que ocupa o posto 11 no eido da Bioloxía Evolutiva a nivel mundial, atendendo a toda a súa traxectoria profesional e excluíndo as autocitas. Despois da barreira dos 100 aparecen na listaxe Juan Carlos Parajó, catedrático do Departamento de Enxeñaría Química e investigador do CINBIO, no posto 150 en Biotecnoloxía; Carlos Lago-Peñas, no 157 en Ciencias do Deporte (183 na edición pasada) e Jesús Simal-Gándara, no 194 en Ciencias Alimentarias (234 na edición anterior).
Entre os mellores 500 dos diferentes eidos tamén está Herminia Domínguez, investigadora do CINBIO e catedrática do Departamento de Enxeñaría Química, que ocupa o posto 304 no ámbito das Ciencias Alimentarias.
Fonte: DUVI