GL EN
Twitter bSky

Novas

20 febreiro 2026eXXperimenta en Feminino somerxe a case 400 escolares na ciencia, a tecnoloxía, a enxeñaría e as matemáticas sen prexuízos de xénero

Case 400 rapazas e rapaces da provincia de Ourense participaron este venres no campus de Ourense na novena edición da feira eXXperimenta en Feminino, a gran cita anual coa divulgación científica e co fomento da igualdade no eido CTEM (ciencias, tecnoloxía, enxeñaría e matemáticas) do campus de Ourense. A iniciativa é froito do traballo e do compromiso dun amplo colectivo de persoal docente e investigador da UVigo, principalmente mulleres, que queren contribuír a rachar os teitos de cristal neste eido: a falta de referentes femininos científicos na sociedade e a desproporción entre homes e mulleres nas carreiras científico-tecnolóxicas. 

A feira celébrase no edificio Politécnico co gallo do 11 de febreiro, Día Internacional da Muller e da Nena na Ciencia, e nela participan arredor de 150 investigadoras e investigadores, maioritariamente mulleres, da Facultade de Ciencias, da Escola Superior de Enxeñaría Informática e da Escola de Enxeñaría Aeronáutica e do Espazo. Conta co apoio de, ademais dos centros implicados, do Campus Auga; das unidades de Cultura Científica e de Igualdade da UVigo e da Consellería de Educación, Ciencia, Universidades e Formación Profesional. Pola mañá estivo aberta aos centros educativos que reservaron praza (14 grupos de estudantado preuniversitario de Ourense cidade, Xinzo de Limia, Bande e Allariz) e a partir das 14.00 h ao público en xeral, xa con entrada libre.

Experimentar e aprender

Ao longo da mañá, as e os escolares percorreron cada un dos 13 postos da feira para facer todo tipo de experimentos, ademais de coñecer tanto as titulacións CTEM que se imparten en Ourense como persoas que nelas traballan ou estudan. Os postos estiveron relacionados con diferentes aspectos do traballo investigador que realizan os diferentes grupos de investigación do campus de Ourense implicados nesta feira. Entre eles, o público coñeceu de preto o traballo das científicas do grupo de Biomasa e Desenvolvemento Sostible (EQ-2), pertencente ao CINBIO (Centro de Investigación en Nanomateriais e Biomedicina da Universidade de Vigo, adscrito á Rede CIGUS), que ofreceron un obradoiro baixo o título de "Biorefinando: Química & Valorización", no que amosarono valor oculto da biomasa e como se poden extraer diferentes compostos de valor, desde os antioxidantes ata os biopolímeros xelificantes con aplicacións biomédicas, cosméticas ou nutricionais. 

Fonte: DUVI


O CINBIO é un centro de investigación cofinanciado con fondos FEDER e adscrito á rede de centros CIGUS (Centros de Investigación del Sistema Universitario de Galicia), promovida e financiada pola Xunta de Galicia.

#teamCINBIO #FEDERGalicia #FondosEuropeos #CIGUS