Novas
O noso compañeiro Xosé Luis Legido, do grupo de Física Aplicada do CINBIO, foi recentemente nomeado profesor emérito da Universidade de Vigo, despois de máis de 30 anos adicados á docencia e á investigación.
Desde o CINBIO quixemos agradecerlle a súa dedicación e compromiso organizando unha pequena homenaxe, na que se reuniron con agarimo as súas compañeiras e compañeiros de profesión.
O director do CINBIO, Miguel Correa, e Manuel Martínez Piñeiro, líder do grupo de Física Aplicada felicitaron pola súa traxectoria ao homenaxeado, quen tamén dedicou unhas palabras de agradecemento a todas as persoas asistentes.
Manuel Martínez Piñeiro, Xosé Luis Legido e Miguel Correa durante a homenaxe
Xosé Luis Legido
Licenciouse en Química no ano 1976 pola Universidade de Santiago de Compostela e tamén en Ciencias da Educación pola UNED en 1990. En 1988, obtivo o doutoramento en Física pola Universidade de Vigo, o mesmo ano en que se incorporou a ela como profesor titular. A súa investigación como investigador do grupo de Física Aplicada céntrase no seguimento do crecemento bacteriano mediante técnicas microcalorimétricas analizando os efectos dos fármacos sobre as bacterias. Ao longo da súa vida profesional participou como investigador principal nun total de 22 proxectos, titorizou arredor de 30 teses de doutoramento e conta con 112 publicacións, cun índice H de 31.