Novas
'Son Científica. Vivo aquí'. Así se titula a campaña promovida polo Instituto de Investigación Sanitaria Galicia Sur e da que forman parte as investigadoras do CINBIO (Centro de Investigación en Nanomateriais e Biomedicina da Universidade de Vigo, pertencente á Rede CIGUS) Nuria Estévez e María Mayán, dos grupos de Filoxenómica e CellCOM, respectivamente.

Imaxe do mupi protagonizado por Nuria Estévez, investigadora do grupo de Filoxenómica do CINBIO
O obxectivo da campaña, que forma parte do Plan Anual de Cultura Científica do IIS Galicia Sur e conta coa colaboración da Fundación Española para la Ciencia y Tecnología del Ministerio de Ciencia, Innovación y Universidades; é visibilizar a investigación desenvolvida na cidade de Vigo e liderada por mulleres investigadoras da contorna. As viguesas e vigueses descubrirán nas rúas da súa cidade diferentes carteis de científicas que desenvolven a súa actividade en Vigo, a través dos mupis colocados en diferentes puntos da cidade e cedidos polo Concello de Vigo.
A campaña, presentada esta tarde no museo MARCO de Vigo, acolle carteis de 12 científicas que representan as diferentes etapas da carreira investigadora, ademais dunha serie de videos sobre as súas traxectorias, que se difundirán a través das redes sociais.
O CINBIO é un centro de investigación cofinanciado con fondos FEDER e adscrito á rede de centros CIGUS (Centros de Investigación del Sistema Universitario de Galicia), promovida e financiada pola Xunta de Galicia.
#11F #teamCINBIO #FEDERGalicia #CIGUS