GL EN

Novas

13 marzo 2024Investigadoras do CINBIO lideran un proxecto para estudar a resposta inflamatoria de células que internalicen nanoestruturas magnéticas

As citoquinas son unhas proteínas que desenvolven un papel fundamental no noso organismo, pois facilitan a comunicación entre as células do sistema inmunolóxico, garantindo o seu correcto funcionamento e que a resposta inmunitaria sexa a desexada. Un desequilibrio na súa produción podería ser a causa dun desaxuste do sistema inmune, afectando incluso ao desenvolvemento de enfermidades autoinmunes, aquelas nas que o propio sistema inmunolóxico ataca ás células e aos tecidos do corpo. O coñecemento do funcionamento das citoquinas pode ser, por tanto, fundamental para o posible desenvolvemento de novos tratamentos que melloren a calidade de vida das persoas que sofren este tipo de doenzas.

Con esta meta como base, nace o proxecto de investigación MAGNET-IL-18, coordinado pola investigadora e líder do grupo de Nanomateriais Híbridos do CINBIO, Verónica Salgueiriño, e que conta coa participación do Instituto de Investigación Sanitaria Galicia Sur (IISGS) e o Instituto de Biomedicina de Sevilla (IBIS), dentro do ‘Plan Complementario de Biotecnología Aplicada a la Salud’ en Galicia.

MAGNET-IL-18 arrancou a principios deste ano e, contando cun orzamento de 75.000 euros, prolongarase ao longo dun total de 18 meses, formando parte do equipo as investigadoras do CINBIO Verónica Salgueiriño, Laura Maria Salonen, Julia N. Majcherkiewicz, Melodie Maceira Campos e Claudia Román Freijeiro.

Obxectivo do proxecto e achega do CINBIO

As nano e microestruturas magnéticas empréganse en biomedicina, en terapia celular e hipertermia magnética, para a liberación de fármacos e en técnicas de imaxe. Seguindo esta liña, o proxecto MAGNET-IL-18 ten por obxectivo a funcionalización de nanoestruturas magnéticas coa citoquina IL-18 e a súa internalización mediante procesos de endocitose ou mediante internalización forzada magnéticamente, co fin de estudar a resposta inflamatoria das células.

“A nosa aspiración”, comenta a investigadora do CINBIO Verónica Salgueiriño, “é correlacionar os resultados obtidos con datos de pacientes con trastornos do sistema inmune, como o VIH, con fin de explorar e presentar novas estratexias terapéuticas efectivas para este tipo de doenzas”. Para isto, as científicas do CINBIO implicadas neste proxecto traballarán na síntese, caracterización e funcionalización das nanoestruturas e nos ensaios celulares.

Estre proxecto supón “unha oportunidade para traballar nun entorno de aplicacións biomédicas, enfocándoas á correlación directa de resultados de nanoestruturas e ensaios celulares con datos de pacientes”, subliña Salgueiriño.

MAGNET-IL-18 forma parte do ‘Plan Complementario de Biotecnología Aplicada a la Salud’, cofinanciado polo Ministerio de Ciencia e Innovación con fondos da Unión Europea NextGeneratioEU,; o Plan de Recuperación, Transformación e Resiliencia; e comunidades autónomas entre as que se atopa Galicia. O seu obxectivo principal é o desenvolvemento de ferramentas para o diagnóstico, prognóstico e terapias avanzadas, ou dirixidas, en medicina personalizada.