Novas
"Vacinación? Máis vale previr que lamentar...". Este foi o título da charla impartida pola responsable do servizo de Citometría do CINBIO, Mercedes Peleteiro, no CEP Plurilingüe Igrexa-Valadares. Un total de 35 alumnas e alumnos de 6º de Primaria deste colexio de Vigo puideron coñecer en primeira persoa á científica, que se achegou este xoves ata o seu centro para participar no ciclo de conferencias científicas do proxecto Descubrindo o Norte.
Durante a xornada, a responsable do servizo de Citometría do CINBIO achegou ao alumnado o apaixonante mundo da inmunoloxía, desvelando os misterios do sistema inmunitario, ademais de poñer en valor o papel das mulleres científicas ao longo da historia. A través desta actividade, as rapazas e rapaces de Valadares coñeceron dun xeito sinxelo os grandes avances da ciencia. A iniciativa tamén incluiu unha entrevista á investigadora por parte do alumnado.
Desde o Centro de Investigación en Nanomateriais e Biomedicina da Universidade de Vigo seguiremos apoiando este tipo de iniciativas de divulgación científica para espertar a curiosidade e as vocacións das rapazas e rapaces da nosa contorna.