Novas
A Universidade de Vigo obtivo algo máis de 5,2 millóns de euros de financiamento para proxectos de investigación da convocatoria 2023 do Plan Nacional, concedidos polo Ministerio de Ciencia, Innovación e Universidades, cuxa resolución definitiva se fixo pública hai apenas uns días. Estas axudas están dirixidas á realización de proxectos de investigación dirixidos a fomentar a xeración e o avance significativo do coñecemento científico e a investigación de calidade contrastada e a avanzar cara a busca de solucións aos principais desafíos da sociedade.
Enmarcados dentro do Plan Estatal de Investigación Científica, Técnica e de Innovación (2021-2023), a inxección económica acadada pola UVigo ascende a un total de 5.282.250 euros, cantidade que se distribúe entre 40 proxectos de investigación que se levarán a cabo nos tres campus da UVigo ata finais de agosto de 2027 ou 2028, dependendo da duración de cada un deles -tres ou catro anos-. Este ano solicitáranse un total de 91 proxectos e, finalmente, concedéronse 40, o que sitúa a taxa de éxito nun 44%, unha cifra moi similar á acadada o ano pasado -46%- cando a institución académica viguesa -tamén con 40 proxectos concedidos- conseguira acadar o seu máximo histórico.
Case 2 millóns de euros para os centros CIGUS
Destes 40 proxectos 13 están liderados por persoal docente e investigador adscritos aos tres centros CIGUS da Universidade de Vigo: o Centro de Investigación en Nanomateriais e Biomedicina, CINBIO, o Centro de investigación en Tecnoloxías de Telecomunicación, atlanTTic; e o Centro de Investigación Mariña, CIM que, entre os tres, acadan unha captación de preto de 2 millóns de euros. Nesta ocasión, o CINBIO acadou cinco proxectos e 844.000 euros.
280.000 euros para combater a contaminación por antibióticos
O proxecto que nesta convocatoria acadou un maior financiamento busca desenvolver estratexias de vangarda para a monitoraxe continúa in situ de antibióticos en contornas acuáticas. Liderado polo director do CINBIO, Miguel Ángel Correa, e financiado con 281.250 euros, o proxecto aborda as limitacións dos métodos actuais para aliñarse coas prioridades globais de saúde dirixidas a combater a contaminación por antibióticos e, consecuentemente, a coñecida como resistencia antimicrobiana (RAM), un problema que só en 2019 se estimou estaba vinculado con arredor de 4,95 millóns de mortes.
Miguel Correa dirixe o proxecto que acadou un maior financiamento. Na imaxe acompañado por Margarita Vázquez, a outra investigadora do grupo TeamNanoTech do CINBIO implicada no proxecto
Baixo o título Estratexias innovadoras para a vixilancia de antibióticos en auga de mar a través da detección plasmónica, esta iniciativa céntrase no desenvolvemento de dispositivos sensores avanzados que combinan de maneira sinérxica materiais con capacidades de dispersión Raman mellorada en superficie (SERS) e degradación fotocatalítica. “É un proxecto co que agardamos contribuír significativamente á protección ambiental, á saúde pública e á sostenibilidade dos ecosistemas acuáticos”, explica Correa, ao tempo que fai fincapé en que o uso extenso de antibióticos, “vitais para controlar as infeccións bacterianas”, levou á súa presenza xeneralizada nas contornas acuáticas. “Esta acumulación de antibióticos presenta efectos crónicos en organismos acuáticos e unha posible toxicidade sinérxica con contaminantes coexistentes. Ademais, o risco asociado de resistencia aos antibióticos intensifica aínda máis a urxencia de monitorear e mitigar o seu impacto ambiental”.
Fonte: DUVI