GL EN

Novas

08 maio 2025CINBIO lanza o programa EMPREN+AP para fomentar a cultura da innovación no ámbito académico e estreitar os lazos coa administración pública

A xornada de lanzamento tivo lugar esta mañá no edificio Redeiras

A elaboración das políticas públicas en materia de emprendemento no ámbito académico é clave para o fomento de empresas de base tecnolóxica que impulsen a innovación e a competitividade a nivel global, asegurando que as tecnoloxías desenvolvidas nos centros de investigación se convertan en produtos que respondan ás necesidades do mercado.

Esta urxencia de políticas eficaces que faciliten a transferencia do coñecemento académico cara o sector produtivo é a principal motivación do proxecto EMPREN+AP, coordinado polo CINBIO, o Centro de Investigación en Nanomateriais e Biomedicina da Universidade de Vigo, sendo unha das 50 propostas cofinanciadas a través da actual Convocatoria I+P de ayudas a la experimentación e innovación de políticas públicas da Fundación Española para la Ciencia y la Tecnología (FECYT) en colaboración co Ministerio de Ciencia, Innovación y Universidades e a Oficina Nacional de Asesoramiento Científico (ONAC).

O núcleo principal de EMPREN+AP é un programa de capacitación e o emparellamento entre o persoal investigador do CINBIO, experto en nanomateriais e biomedicina, e o persoal da Axencia Galega de Innovación (GAIN), co fin de enriquecer as actuacións xa en marcha no ámbito da transferencia e innovación do CINBIO. Un foro de políticas públicas para a innovación e o emprendemento, unha xornada de capacitación científico-tecnolóxica, varias xuntanzas de traballo e unha visita ao centro de investigación, converterán esta iniciativa nunha gran oportunidade para contribuír ao desenvolvemento de novas políticas públicas en materia de emprendemento nas citadas áreas. Ademais, EMPREN+AP intégrase no marco estratéxico RIS3 Galicia 2021-2027, contribuíndo a fortalecer os vínculos entre o persoal científico experto e o persoal da GAIN, entidade colaboradora do programa.

O director do CINBIO Miguel Correa foi o encargado de darlle a benvida ás persoas asistentes

O edificio Redeiras acolleu este xoves o lanzamento da iniciativa coa celebración da xornada “Do coñecemento á acción: emprendemento no ámbito académico”. O director do CINBIO Miguel Correa foi o encargado de dar a benvida aos asistentes, subliñando no seu discurso a importancia deste proxecto que “busca posicionarse como un referente en asesoramento científico en emprendemento e innovación no ámbito dos nanomateriais e biomedicina”. Fíxoo na apertura institucional do acto, que tamén contou coa participación de Pilar Montes, xestora da Unidade de Transferencia e Innovación do CINBIO, encargada de presentar as actividades e accións que conformarán o programa EMPREN+AP durante o próximo ano.

Pilar Montes presentou as accións que englobarán o programa EMPREN+AP

No marco desta xornada Carlos Sánchez Vecino, Director da Área de Servizos da Axencia Galega de Innovación, deu a coñecer a nova Convocatoria do Programa Ignicia Proba de Concepto, respondendo ás dúbidas das persoas asistentes. Unha sesión de aperitivo-networking puxo o broche final á  xornada de lanzamento deste proxecto, que se prolongará ata xuño de 2026.

Carlos Sánchez Vecino presentou a nova convocatoria Ignicia (GAIN)