GL EN

Novas

27 abril 2025O festival científico CinVigo reconquistou a Porta do Sol na súa terceira edición

Preto de 70 proxectos de alumnado de Secundaria, Bacharelato e FP participaron na feira científica

Desde unha alternativa ecolóxica ao carbón vexetal ata un estudo sobre a resistencia aos antibióticos, pasando pola exploración das aplicación dos bioplásticos. Múltiples propostas para impulsar o avance da sociedade a través da ciencia; todas elas ideadas con ilusión, esforzo e implicación por unha estupenda canteira de científicas e científicos da nosa comunidade. Máis de 250 estudantes de Secundaria, Bacharelato e FP, dunha trintena de centros educativos de Galicia participaron esta fin de semana nunha multitudinaria terceira edición do festival científico CinVigo. Ciencia na rúa con preto de 70 proxectos.

Achegar o coñecemento científico a toda a sociedade e fomentar as vocacións científicas entre a mocidade e a cativada, son precisamente os principais obxectivos do CINBIO. O Centro de Investigación en Nanomateriais e Biomedicina da Universidade de Vigo, organizou por terceiro ano consecutivo este encontro aberto á cidadanía con actividades para todas as idades, como os espectáculos de ciencia, os obradoiros científicos para público infantil, e a xincana científica que, grazas á colaboración e participación do equipo da asociación Discamino, fixo de CinVigo un festival máis inclusivo.

O equipo de Discamino foi un dos gañadores da Xincana Científica

Ourense, Tomiño, Nigrán, Soutomaior, San Cibrao de Viñas, Catoira, Cangas do Morrazo, Mos, Redondela e, por suposto, Vigo son os concellos de procedencia do alumnado participante na feira científica que, grazas ao seu traballo previo e ás explicacións que ofreceron ás persoas asistentes ao longo das dúas xornadas que durou o festival, acadaron máis de 12.000 votos rexistrados nunha aplicación coa que se decidiu o premio do público.

O premio popular do público quedou na cidade olívica grazas ao proxecto Faro Sostible elaborado por estudantes de 1º de ESO do Colexio Apóstol Santiago. Tanto este como o resto de premios foron entregados nun acto de clausura que deu comezo pasadas as 13:00 horas do domingo. Plantas eléctricas é o título do proxecto que acadou o primeiro premio da categoría Early researchers grazas ao traballo realizado por estudantes de 2º de ESO do CPR Santiago Apóstol de Soutomaior. Pola súa banda, na categoría Young researchers para alumnado 3º e 4º da ESO o proxecto gañador foi Cristais Hidrófobos do IES Antón Alonso Ríos de Tomiño. O acto rematou co primeiro galardón da categoría Teen researchers para o alumnado de 1º de Bacharelato do IES A Guía, de Vigo, polo seu proxecto Microplásticos ao descuberto.

Premio do público

Primeiro premio da categoría Early Researchers

Primeiro premio da categoría Young Researchers

Primeiro premio da categoría Teen Researchers

A Vicerreitora de Profesorado da Universidade de Vigo, Adela Sánchez; a 5ª Tenenta de Alcalde do Concello de Vigo, Ana Mejías; e o director do CINBIO Miguel Correa foron os encargados de entregar os devanditos premios nun emotivo acto de clausura. Na súa intervención, Correa abriu o acto agradecendo a alta participación do alumnado e profesorado, antes de ceder a palabra ao señor Alcalde de Vigo, Abel Caballero, que valorou o enorme éxito desta iniciativa promovida polo CINBIO por terceiro ano consecutivo.

Esta edición de CinVigo, que contou coa colaboración da Fundación Española para la Ciencia y la Tecnología (FECYT) - Ministerio de Ciencia, Innovación y Universidades, pechou así unha fin de semana para a lembranza, na que se rexistraron máis de 12.000 votos do público e na que 800 cativas e cativos gozaron dos obradoiros científicos infantís, grazas ao apoio do Plan Corresponsables.

Espectáculo Cienceando

A terceira edición de CinVigo. Ciencia na rúa foi posible grazas á financiación da Xunta de Galicia e da Unión Europea, ademais de contar co apoio do Consello Social da Universidade de Vigo, do Concello de Vigo e da Autoridade Portuaria de Vigo e outras entidades como Radio Vigo, Büchi, Jasco, Frutas Nieves, ou Portomédica, que se sumaron á colaboración da Fundación Española para la Ciencia y la Tecnología (FECYT) - Ministerio de Ciencia, Innovación y Universidades. Ademais, CinVigo tamén contou co apoio da Consellería de Política Social e Igualdade a través do Plan Corresponsables.