GL EN

Novas

14 maio 2025O investigador do CINBIO Carlos Renero participa no Festival Internacional de Divulgación Científica Pint of Science

Con máis dun milleiro de eventos en 75 localidades, o festival de divulgación científica Pint of Science encherá de ciencia bares de toda España os días 19, 20 e 21 de maio. A través de charlas divulgativas, monólogos ou experimentos de entre 20 e 30 minutos de duración, investigadoras e investigadores de todas as áreas de coñecemento compartirán o seu traballo nun ambiente moi diferente ao habitual. Detrás desta iniciativa está unha asociación sen ánimo de lucro que conta con arredor de 600 voluntarios que fan posible esta décima edición en España. A Universidade de Vigo únese a este evento coa participación dos seus investigadores e investigadoras nas sesións que se celebrarán en Vigo e en Ourense. 

Na presentación da programación viguesa, que tivo lugar este mércores no edificio Redeiras, a vicerreitora de Comunicación e Relacións Institucionais, Mónica Valderrama,  remarcou “a aposta decidida da Universidade de Vigo con calquera evento que teña que ver coa divulgación científica” e lembrou que dende 2019, cando botou a andar a Unidade de Cultura Científica da UVigo, a institución se involucra en multitude de propostas e actividades experienciais e directas coa cidadanía para que lles chegue o que se fai nos laboratorios dun xeito moito máis lúdico”. 

Ara Núñez, coordinadora do equipo local en Vigo, explicou na presentación que “achegar a ciencia á sociedade non é só unha opción, é unha necesidade. Cremos que o coñecemento non debe quedar nos laboratorios, senón que debe saír, contarse e compartirse. A miúdo cremos que a ciencia é difícil de entender, pero quizais só necesitamos que nola expliquen doutra forma”. Neste sentido, remarcou que Pint of Science presente “democratizar o coñecemento científico, promover unha cidadanía crítica e informada e, sobre todo, contribuír á xeración de vocacións científicas”.

No acto tamén estiveron presentes dous dos investigadores que impartirán charlas en Vigo, Carlos Renero, do CINBIO da UVigo e Samuel García Pérez, do Instituto de Investigación Sanitaria Galicia Sur, e ambos destacaron a importancia de poñer o coñecemento científico a disposición da sociedade. “A ciencia, se non se conta, non existe e como persoal investigador temos o labor de dar a coñecer o que facemos, sobre todo cando boa parte dos nosos proxectos están financiados con cartos públicos”, destacaba García. Renero engadía que este tipo de iniciativas axudan a que a sociedade coñeza e se achegue aos grupo de investigación, “algún deles punteiros a nivel mundial, que están ao lado da súa casa, na súa propia cidade” e non a centos ou milleiros de quilómetros.

Doce charlas en dous locais de Vigo

Entre os días 19, 20 e 21 deste mes en Vigo desenvolveranse 12 charlas científicas en dous locais da cidade: El Castro e Vitruvia, nas que se abordarán temas como saúde mental e neurociencia, nanotecnoloxía, sociolingüística e intelixencia artificial, inmunoterapia ou segregación escolar, entre outros. As citas terán lugar a partir das 19.30 horas e serán de balde ata completar a capacidade e nelas participarán nove investigadores e investigadoras da Universidade de Vigo.

O día 20 de maio en El Castro intervirá Carlos Renero, investigador do grupo de Nanomateriais Biomiméticos do CINBIO, cun relatorio titulado ¡Luces, cámaras y nanopartículas!, que se centrará nas nanopartículas e as súas potencialidades no eido da medicina. O mesmo día intervirán tamén en El Castro Alejandro Camanzo e Manuel Diz, investigadores do GTA Grupo de Tecnoloxías Aeroespaciais do centro atlanTTic da UVigo, que explicarán as claves da exploración das covas lunares.

Dez anos de Pint of Science

Ao longo de nove edicións, Pint of Science organizou en España un total de 1800 eventos en 750 bares nos que participaron máis de 4300 persoas investigadoras e 110.000 asistentes. A décima edición será a maior en canto ao número de eventos organizados e localidades implicadas.

Pint of Science naceu en maio de 2013 en Reino Unido, da man dos investigadores Michael Mostkin e Praveen Paul, que quería amosar a investigación que realizaban a persoas afectadas por distintas enfermidades mentais. A súa aposta por levar a ciencia aos bares estendeuse e na actualidade celébrase simultaneamente en 27 países dos continentes. Australia será a primeira en subir a persiana dos bares e en brindar polo coñecemento e a súa divulgación. Desde alí, e co resto de países anfitrións, comezará unha maratón de tres días de ciencia e bares de todo o mundo.

Fonte: DUVI