Novas
Terá lugar o días 3 e 4 de xuño no salón de actos do edificio de Ciencias Experimentais
Xa pasaron catro anos desde aquel primeiro The Thinking Institute que converteu Vigo no epicentro mundial do coñecemento en nanonociencia. Como cada mes de xuño, este consolidado encontro científico internacional regresa ao campus universitario de Vigo para celebrar a súa cuarta edición, reincidindo no seu firme propósito de crear un espazo distendido para o intercambio de ideas sen as barreiras habituais deste tipo de congresos, e aberto a todas aquelas persoas que teñan inquedanzas científicas.
Baixo a dirección do catedrático e investigador Luis Liz Marzán, a cita contará por cuarto ano co apoio do Centro de Investigación en Nanomateriais e Biomedicina da Universidade de Vigo (CINBIO), reunindo a especialistas de primeiro nivel nos eidos da nanociencia, a nanomedicina ou a nanoquímica. Procedentes de Michigan, Amsterdam, Bath ou Amberes, entre outros lugares do mundo, acudirán ao encontro, que terá lugar os días 3 e 4 de xuño no salón de actos do Edificio de Ciencias Experimentais do campus de Vigo.
Un intre da edición de 2024 con Luis Liz intervindo
Máis relatorios e maior presenza nacional, entre as novidades desta IV edición
A cuarta edición de The Thinking Institute estará marcada por unha maior presenza de expertas e expertos nacionais que, sumándose a especialistas internacionais nos eidos da nanociencia, a biomedicina e a nanoquímica, conformarán o panel máis extenso da súa historia cun total de once relatorios: Nicholas Kotov (University of Michigan); Maurizio Prato (CIC biomaGUNE); Wiebke Albrecht (NWO-Institute AMOLF); Robin Girod (University of Antwerp); Joerg Lahann (University of Michigan); Ventsislav Valev (University of Bath); Gustavo Bodelón (CINBIO, Universidade de Vigo); Joaquín Castilla (CIC bioGUNE); Nùria López (ICIQ); José M. Taboada (Universidad de Extremadura) e Miguel Correa (investigador e director do CINBIO).
“O tema central desta edición será a quiralidade, unha propiedade xeométrica fascinante que está presente en incontables aspectos das nosas vidas como as galaxias, as nosas mans ou o ADN”, comenta Luis Liz, quen engade que as persoas relatoras foron escollidas precisamente para representar temas variados en torno a esta propiedade.
Para asistir ao congreso é necesaria a inscrición previa a través da páxina web do CINBIO, onde tamén está dispoñible o programa completo.
O congreso coincidirá co lanzamento do proxecto Chiral-Pro
Nesta ocasión, The Thinking Institute faise coincidir coa reunión inicial do proxecto ERC Synergy Grant Chiral-Pro, coordinado polo investigador Luis Liz Marzán e no que participan tamén a Profesora Sara Bals, da Universidade de Amberes, e o Profesor Nicholas Kotov, da Universidade de Michigan, que estarán acompañados por persoal investigador dos seus correspondentes equipos, reforzando o carácter internacional do evento.