Novas
A consolidación do festival científico CinVigo xa é unha realidade, que contará na vindeira edición co apoio da Fundación para a Ciencia e a Tecnoloxía, FECYT, tras acadar 25.000 euros na última resolución de súas axudas para o fomento da cultura científica, tecnolóxica e da innovación.
Baixo o lema "Ciencia na rúa", o CINBIO, Centro de Investigación en Nanomateriais e Biomedicina da Universidade de Vigo, reafirma a súa aposta pola divulgación científica coa organización da que será a segunda edición dunha feira científica ao aire libre, en pleno centro da cidade de Vigo, co propósito de levar a ciencia ás prazas e rúas e converter o centro da cidade olívica nun auténtico laboratorio, no que as mozas e mozos serán os auténticos protagonistas.
A pasada edición, celebrada en abril de 2023 na Porta do Sol de Vigo, logrou a participación de 55 proxectos científicos elaborados por estudantado de Secundaria e Bacharelato de diferentes centros educativos de Galicia. Foi un evento aberto á cidadanía xeral, no que o público asistente tivo a oportunidade de coñecer de preto o traballo das rapazas e rapaces concursantes, ademais de participar en retos, obradoiros científicos e outras actividades divulgativas para todas as idades.
Imaxe da primeira edición de CinVigo, celebrada en abril de 2023.
A conta atrás para para a segunda edición do evento xa está en marcha e proximamente abrirase o prazo de inscrición para que as científicas e científicos do futuro fagan as súas propostas de proxectos. As bases de participación e o formulario de inscrición estarán dispoñibles na páxina web de CinVigo, xunto con información de utilidade para a preparación dos proxectos científicos.