GL EN

Novas

14 xaneiro 2020O CINBIO obtén a acreditación de Centro Singular grazas aos Fondos FEDER

Comprácenos anunciar que nestes días o CINBIO, como entidade pertencente á Universidade de Vigo, foi beneficiado coas axudas para a acreditación, estruturación e mellora de centros de investigación do Sistema Universitario de Galicia, obtendo a acreditación de Centro Singular de Investigación dentro de Galicia. Estas axudas atópanse cofinanciadas nun 80% polos fondos FEDER (Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional), sendo o seu período de goce dende o 1 de decembro de 2019 ata o 30 de novembro de 2022.

O obxectivo destes fondos impulsados pola Unión Europea é o de “fortalecer a cohesión socioeconómica dentro da Unión Europea corrixindo os desequilibrios entre as súas rexións”. Dentro de FEDER, existen varias áreas de prioridade denominadas como “concentración temática”: innovación e investigación, programa dixital, apoio as pequenas e medianas empresas e economía de baixas emisión de carbono.

Deste xeito, as axudas recibidas inscríbense no primeiro campo (innovación e investigación), dentro marco operativo FEDER Galicia 2014-2020 e baixo lema “unha maneira de facer Europa”. A situación do CINBIO dentro desta clasificación débese a que somos un centro de investigación que aposta por transferir á sociedade tódalas innovacións e resultados obtidos no traballo diario. Por iso, asumimos a obriga de cumprir os requisitos, prazos e condicións así como a acreditación correspondente ante o órgano concedente.

A importancia desta nova situación do CINBIO non só radica no aumento da súa reputación senón tamén na axuda económica que recibe. Na investigación, o financiamento é un dos piares clave, xa que constitúe un grande impulso para seguir traballando en numerosos proxectos ou iniciar novas liñas de investigación. Debido a situación da ciencia en España, malia ser un país con moitos recursos, aínda estamos na espera de aproveitar todo o potencial para superar aos países do noso redor. Coa nova denominación de Centro Singular de Investigación, obtemos un crecemento da reputación para tratar de consolidar ao centro como punto de referencia científica para os investigadores e investigadoras de Galicia.

A causa de todo o anterior, énchenos de orgullo conseguir estes fondos nunha dura competición cos outros centros de investigación galegos. En consecuencia, comprometémonos a utilizalos da maneira máis beneficiosa para o centro, xa sexa a partires de novos proxectos, invertendo en capital humano ou en calquera nova innovación en infraestrutura, velando sempre pola mellora do centro.