Novas
O Centro de Investigación en Nanomateriais e Biomedicina (CINBIO) participou un ano máis no fórum internacional RIES, organizado polo Clúster de Saúde de Galicia e xa consolidado como evento de referencia no ecosistema de innovación sanitario galego, celebrando este ano a súa novena edición.
Expertas e expertos do sector sanitario e sociosanitario a nivel nacional e internacional reuníronse no Gran Hotel Balneario de Guitiriz para abordar os retos e oportunidades do ecosistema da saúde, centrándose no futuro da saúde e no fomento dos proxectos innovadores neste sector para promover avances significativos.
Ao longo das dúas xornadas do evento, celebrado durante o 13 e o 14 de novembro, a xestora do noso centro, Noa Caramés, representou ao CINBIO desde o stand da Universidade de Vigo, no que presentou o traballo de I+D e os resultados obtidos polo persoal investigador deste centro especializado en biomedicina e nanomaterias.
Como xa é tradición, as ágoras de discusión tamén foron unha peza fundamental do evento. Neste sentido, a líder do Laboratorio de Enfermidades Raras e subdirectora do CINBIO, Diana Valverde, formou parte da mesa redonda 'Perspectivas e desafíos da saúde global' que, moderada por Beatriz Díaz Lorenzo, Directora de Comunicación en Zendal, tamén contou coa participación de Mabel Loza (Universidade de Santiago), Abel Viejo (Hannover Medical School), e Beatriz Escudero (Hospital Clínico de Barcelona).