GL EN

Novas

20 outubro 2023O director do ICFO de Barcelona, Lluís Torner, ofrece un discurso inspirador no evento CINBIO Gold Talk

O Centro de Investigación en Nanomateriais e Biomedicina da Universidade de Vigo celebrou este xoves un evento moi especial, a primeira edición de CINBIO Gold Talk, que busca recoñecer o traballo de persoas e institucións que impulsan a ciencia e inspiran co seu traballo diario e co seu discurso. A cita foi no Pazo da Oliva en Vigo e a persoa que tivo a honra de ofrecer a súa charla inspiradora foi Lluís Torner, director do Instituto de Ciencias Fotónicas, ICFO, de Barcelona.

O obxectivo deste evento, como explica o director do CINBIO, Miguel Correa, é recoñecer a traxectoria de científicos e científicas, destacando o papel fundamental da ciencia no avance da sociedade e o coñecemento humano. Queremos axudar a promover a persoas e institucións que contribúen ao impulso e desenvolvemento da ciencia, a través do exercicio da investigación ou outras facetas relacionadas que favorecen e fomentan o progreso da I+D, como é a xestión, dirección, transferencia ou difusión de ciencia; sobre todo nos ámbitos de actuación do centro como son a biomedicina e os nanomateriais. Ademais, este evento pretende crear unha plataforma para o recoñecemento público e tamén actuar como unha fonte de inspiración para talentos emerxentes, alentándoos a forxar as súas carreiras na investigación e na innovación.

Intervención de Miguel Correa, director do CINBIO

Lluís Torner, o primeiro Gold Talk
A primeira Gold Talk foi ofrecida por LLuís Torner, fundador e director do Instituto de Ciencias Fotónicas (ICFO), entidade de referencia mundial no seu campo. Ademais desta responsabilidade, Torner é asesor de numerosas entidades públicas e privadas de varios países en temáticas de prospectiva científica e tecnolóxica e foi membro do High-Level Group do European Quantum Flagship e do Future and Emerging Technologies Advisory Board, ambos da Comisión Europea. No que atinxe aos recoñecementos, ten recibido diversas distincións, como o Premi Nacional de Recerca 2016, que otorga a Generalitat de Catalunya ou Premio de Liderado de ámbito global da Optical Society of América.

Lluís Torner durante a súa charla inspiradora

No seu discurso no acto deste xoves, Torner amosou a súa filosofía de traballo como elemento inspirador que impulsa a ciencia día a día, compartindo as súa perspectiva sobre a relevancia da investigación para a sociedade e a maneira en que a inversión en ciencia básica pode impulsar avances significativos.

Fonte: DUVI

Este evento foi recollido por varios medios de comunicación: