Novas
No mes de abril do próximo ano o festival científico "CinVigo. Ciencia na rúa", organizado polo CINBIO, volverá encher de ciencia e diversión o centro da cidade olívica na que será a súa terceira edición. Unha aposta do Centro de Investigación en Nanomateriais e Biomedicina da Universidade de Vigo pola divulgación e o fomento das vocacións científicas, que contará novamente co apoio da Fundación Española para la Ciencia y la Tecnología - Ministerio de Ciencia, Innovación y Universidades-, FECYT, tras acadar unha axuda 38.500 euros no marco da última convocatoria de axudas para o fomento da cultura científica, tecnolóxica e da innovación, sendo a feira científica mellor valorada de España na mesma.
A pasada edición de CinVigo, celebrada en abril de 2024 na Porta do Sol de Vigo, logrou a participación de 58 proxectos científicos elaborados por máis de 220 estudantes de Secundaria e Bacharelato de 25 centros educativos de Galicia. Foi un evento aberto á cidadanía xeral, no que o público asistente tivo a oportunidade de coñecer de preto o traballo das rapazas e rapaces concursantes, ademais de participar en retos, obradoiros científicos e outras actividades divulgativas para todas as idades. Fomentar as vocacións científicas do alumnado de ensino medio é precisamente o principal obxectivo co que o CINBIO, centro cofinanciado con fondos FEDER, organizou por segundo ano consecutivo este encontro aberto a toda a cidadanía con actividades paralelas enfocadas ás familias, como a xincana ou os espectáculos de ciencia e maxia, e outras especialmente deseñadas para as cativas e cativos da casa, como os obradoiros científicos.
Un instante da última edición de CinVigo
A conta atrás para para a terceira edición do evento xa está en marcha e, segundo indican desde a organización, á volta do verán abrirase o prazo de inscrición para que desde os centros educativos acheguen as súas propostas de proxectos científicos. Ademais, esta nova edición estará aberta a centros de toda España e ampliarase o número de proxectos admitidos a concurso. As bases de participación e o formulario de inscrición estarán dispoñibles na páxina web de CinVigo, xunto con información de utilidade para a preparación das propostas.