GL EN
Twitter bSky

Novas

17 decembro 2025O persoal do CINBIO celebra unha xuntanza para facer balance e afrontar os novos obxectivos para o 2026

Unha sala repleta e participación dos quince grupos de investigación que compoñen o CINBIO, Centro de Investigación en Nanomateriais e Biomedicina da Universidade de Vigo. Esta é a fotografía principal da xuntanza que o persoal deste centro, cofinanciado con fondos FEDER e pertencente á Rede CIGUS, mativo esta mañá para compartir ideas e facer balance dos resultados obtidos no presente ano, antes de afrontar con ilusión os novos retos e as liñas estratéxicas que marcarán o seu rumbo durante o vindeiro 2026.

A xornada, guiada polo director do centro, Miguel Correa, incluíu un agarimoso recoñecemento ás investigadoras e investigadores que defenderon a súa tese de doutoramento ao longo do 2025: Nair Varela (Filoxenómica), Cecilia Jiménez (Neurocircuits), Lara González (FunNanoBio), Nadesh Fiuza (MCPG), Laura Tomás (Filoxenómica), Julie Queffelec (EQ2), Carlos Solarat (Enfermidades Raras), Inmacolatta Maietta (Inmunoloxía), Almudena Acuña (TNT), Belén Arjones (TNT), Óscar Menduiña (ORCHID) e Paula Mora (ORCHID).

O anuncio das doce fotografías finalistas da V edición do concurso de fotografía do CINBIO foi outro dos momentos clave do encontro. Entre todas elas, a fotografía "As cores da química", realizada pola investigadora do grupo ORCHID, Marta Domínguez Seoane, foi a seleccionada polo xurado como gañadora do concurso. As once fotografías finalistas restantes entraron no sorteo do segundo premio que, nesta ocasión, foi para a fotografía "Un baño no mar ofrece unha merenda variada", realizada pola investigadora Silvia Lorenzo Abalde, do grupo de Inmunoloxía. As doce fotografías finalistas formarán parte do xa clásico calendario do CINBIO para o vindeiro 2026, unha iniciativa posta en marcha polo centro por quinto ano consecutivo co fin de divulgar dun xeito creativo o traballo desenvolvido polo seu persoal investigador.

Un pequeno ágape puxo o broche final esta xuntanza especial previa ás vacacións do Nadal, durante o que o persoal do centro poido compartir un bo momento co resto de compañeiras e compañeiros antes das festas.