Novas
O secretario xeral de Universidades, José Alberto Díez de Castro; a directora da Axencia Galega de Innovación, Carmen Cotelo e a subdirectora de Promoción Científica e Tecnolóxica Universitaria da Xunta de Galicia, Irene Bonome, visitaron este mércores o CINBIO, Centro de investigación en nanomateriais e Biomedicina da Universidade de Vigo, onde tiveron ocasión de coñecer as novas infraestruturas e equipamentos cos que conta o centro.
Acompañados polo reitor da UVigo, Manuel Reigosa, e a vicerreitora de Investigación, Belén Rubio, foi o director de CINBIO, Miguel Correa, o encargado de amosarlles os distintos laboratorios, facendo especial fincapé nas novas instalacións financiadas co apoio da Xunta, como o laboratorio do grupo Nanomateriais Biomiméticos, liderado polo catedrático Luis Liz Marzán e en equipos de investigación como o dicroísmo circular, que permitirá estudar as propiedades ópticas das nanoestruturas.
Recoñecemento ao apoio da Xunta de Galicia
“Agradecemos a visita da Xunta de Galicia e agardamos que sigan apostando pola investigación e protexendo o futuro da ciencia”, sinalou o director do CINBIO, Miguel Correa, que aproveitou presenza do director xeral de Universidades e da directora de Gain para recoñecer o apoio da Xunta durante os últimos anos.
A visita deste mércores, na que Díez de Castro e Cotelo tiveron ocasión de intercambiar impresións con investigadores e investigadoras do centro como África González, María Mayán, Ángel Rodríguez de Lera ou Isabel Pastoriza, prodúcese meses despois de que CINBIO renovase da acreditación de excelencia na Rede de Centros de Investigación Universitaria de Galicia.