GL EN
Twitter bSky

Novas

10 setembro 2025Os beneficios da carreira Vigo Contra o Cancro serán íntegros para un proxecto de loita contra o sarcoma liderado desde o CINBIO

Os beneficios da derradeira carreira Vigo Contra o Cancro destinaranse de xeito íntegro ao proxecto Nuevas oportunidades para pacientes con sarcoma – VIGO4SAR, liderado pola investigadora María Mayán Santos desde o grupo CellCOM do CINBIO, o Centro de Investigación en Nanomateriais e Biomedicina da Universidade de Vigo, pertencente á Rede Cigus; xunto co oncólogo Juan Carrasco, do Hospital Público Álvaro Cunqueiro e o Instituto de Investigación Sanitaria Galicia Sur (IISGS). Así se anunciou este mércores nunha rolda de prensa celebrada no Concello de Vigo na que se deron a coñecer os detalles dunha cita, que vai moito máis alá do deportivo, e que nesta ocasión se celebrará o domingo 19 de outubro.

O evento contou coa participación, entre outros, do alcalde, Abel Caballero; a presidenta da Asociación Vigo Contra o Cancro, Rosa Soliño, e a investigadora María Mayán, quen aproveitou a súa presenza no evento para dar as grazas á asociación por ter elixido este proxecto para a derradeira carreira Vigo Contra o Cancro. “Tanto a min, como ao meu grupo de investigación e, en xeral, ao CINBIO e á Universidade de Vigo fíxonos moitísima ilusión esta oportunidade”, salientou a investigadora, ao tempo que explicou que o cancro “non é unha enfermidade, senón a suma a suma de máis de 200 enfermidades, de aí a súa complexidade”.

Neste caso o obxectivo de VIGO4SAR é poder chegar a personalizar o tratamento de cada paciente para contribuír a mellorar a calidade de vida e supervivencia das persoas afectadas por sarcomas, ofrecéndolles unha nova oportunidade no seu tratamento.

Foto de familia das persoas asistentes á presentación

Un dos cancros máis descoñecidos e que afecta, sobre todo, á infancia e xuventude

Tal e como foi explicando Mayán, grazas á investigación, cóntase xa con novas terapias como as terapias dirixidas e inmunoterapias, “que permiten tratar a pacientes con metástase, pero nas que aínda queda moito para lograr que non só responda un 10 ou un 20% dos pacientes, senón que haxa unha resposta máis global e que se poidan solucionar cancros máis descoñecidos como son os sarcomas”.

Neste senso, a responsable do proxecto explicou que os sarcomas son un tipo de tumores pouco frecuentes que afectan, fundamentalmente, a pacientes novos, sobre todo nenos e nenas, polo que a repercusión social, familiar e económica é moi importante, “se ben  a nivel de investigación teñen estado máis abandonados e, polo tanto, temos menos coñecemento”.

Grazas á investigación destes últimos anos xa se están a conseguir terapias dirixidas e inmunoterapias que tamén se están empezando a utilizar en pacientes con este tipo de sarcomas, se ben aínda non se conseguiu saber cales responden e cales non. “Ante esa falta de coñecemento a nós ocorréusenos personalizar os tratamentos collendo unha mostra tumoral do paciente, levándoa ao laboratorio e estudando a eficacia dos diferentes fármacos”, subliñou Mayán, ao que engadiu que o obxectivo deste proxecto é darlle aos oncólogos e oncólogas esta información para que así poidan saber a que fármacos responde e a cales non cada paciente.

"Vigo será pioneira en contar cunha plataforma deste calado"

Mayán aproveitou tamén esta ocasión para loar o traballo da asociación Vigo Contra o Cancro, “un labor fundamental non só pa promover a investigación, a única ferramenta para poder curar o cancro, senón tamén a nivel social para promover certos valores e concienciar á sociedade de que é preciso apoiar a investigación”.

 Insistiu neste senso en que, “necesitamos máis investigación para curar o cancro” e remarcou tamén a importancia de que o proxecto se desenvolva en Vigo, “xa que deste xeito os primeiros beneficiarios dos resultados van ser os pacientes desta cidade” e, “se todo sae como agardamos, Vigo será pioneira en contar cunha plataforma desde calado”. A investigadora aproveitou tamén este acto para remarcar a importancia de que “todas as cidades conten con centros de investigación tan competitivos e potentes como o que temos aquí en Vigo”, en referencia ao CINBIO.

Intervención da investigadora María Mayán na presentación da carreira

A polos 300.000 euros de recadación

Pola súa banda, o alcalde felicitou á asociación  é a súa presidenta “polo traballo de tantos anos, un gran labor co que marcastes unha senda”, e os agradecementos chegaron tamén da man da propia presidenta, Rosa Soliño, quen deu as grazas á cidadanía por todo o apoio recibido e tamén aos investigadores e investigadoras, representados nesta ocasión por María Mayán. “Grazas a iso Vigo recadou desde 2013, cando se puxo en marcha a iniciativa, máis de 280.000 euros para investigación, “e se este ano conseguimos facelo ben chegaremos aos 300.000”. Por iso animou a toda a cidadanía a acudir a carreira e lograr ese obxectivo dos 300.000 euros.

Na web da asociación poden consultarse todos os detalles da carreira. O prazo para inscribirse manterase aberto ata o 13 de outubro.

Fonte: DUVI

O CINBIO é un centro de investigación cofinanciado con fondos FEDER e adscrito á rede de centros CIGUS (Centros de Investigación del Sistema Universitario de Galicia), promovida e financiada pola Xunta de Galicia.

#teamCINBIO #FondosEuropeos #CIGUS