Novas
Energy Step & Energy Window é o título do proxecto científico co que o grupo de estudantes do primeiro ciclo de ESO do Colexio Montecastelo de Vigo conquistou o corazón do público asistente á primeira edición do festival científico CinVigo, acadando a máxima puntuación nas votacións populares que os converteron en gañadores do premio do público.
Isto sucedeu en abril de 2023, cando CinVigo botaba a andar coa ilusión das primeiras veces. Esa mesma ilusión é a que onte tiñan nas caras estes estudantes cando por fin entraron nas instalacións do CINBIO no campus universitario de Vigo para gozar do seu merecido premio: unha estadía de varios días neste Centro de Investigación en Nanomateriais e Biomedicina da Universidade de Vigo, cofinanciado con fondos FEDER. Visitar os laboratorios e coñecer en primeira persoa o traballo desenvolvido por varios grupos de investigación do CINBIO é o principal obxectivo desta iniciativa, coa que o persoal do CINBIO pretende seguir estimulado a vocación científica destes rapaces.
Tras unha benvida a cargo da xestora do centro Noa Caramés, os estudantes entraron en materia coa visita ao laboratorio do Grupo de NanoBioMateriais Funcionais (FunNanoBio), no que puideron achegarse ao mundo das nanopartículas a través dunha charla e a realización dun sinxelo experimento. O laboratorio do grupo TeamNanoTech (TNT) protagonizou a seguinte parada desta primeira xornada para acoller varios experimentos arredor da síntese de nanopartículas por coprecipitación e das nanocápsulas con partículas magnéticas.
Na seguinte xornada da estadía, que tivo lugar este mesmo xoves, os laboratorios do grupo de Inmunoloxía e dos grupos de Nanomateriais Biomiméticos (Biomimat) e de Física e Química de Materiais (MCPG) foron os protagonistas. Ao longo da mañá o alumnado do Colexio Montecastelo achegáronse á identificación e marcaxe selectiva de larvas de mexillón mediante anticorpos monoclonais nunha actividade, organizada polo grupo de Inmunoloxía, na que aprenderon a discriminar larvas de mexillón Mytilus galloprovincialis en mostras de plancto das rías galegas. A súa estadía no CINBIO rematou coa realización de varios experimentos con nanomateriais, ondas e luz da man do persoal investigador dos grupos de Nanomateriais Biomiméticos (Biomimat) e de Física e Química de Materiais (MCPG).
Os centros educativos interesados tamén poderán optar a vivir esta experiencia co seu alumnado inscribíndose antes do 31 de xaneiro na que será a segunda edicion do festival científico CinVigo, que, baixo o lema de Ciencia na rúa, desenvolverase os días 20 e 21 de abril e que conta nesta ocasión co financiamento da Fundación Española para la Ciencia y la Tecnlogía (FECYT) – Ministerio de Ciencia e Innovación. A falta dunha semana para que remate este prazo de inscrición, os estudantes inventores do proxecto Energy Step & Energy Window volveron ser científicos por uns días.