Novas
A rede europea Marinnonet, coordinada polo Centro de Investigación Mariña da Universidade de Vigo e financiada polo programa Interreg Atlantic Area, acabar de pór en marcha os traballos seleccionados na súa segunda convocatoria de proxectos piloto en bioeconomía azul con aplicación directa no sector produtivo, sete iniciativas que presentan actividades de I+D+i en tres áreas clave: acuicultura sostible, tecnoloxías de observación mariña e produtos industriais derivados do mar. Un destes proxectos conta coa participación de persoal investigador do grupo de Biomasa e Desenvolvemento Sostible, EQ-2, do Centro de Investigación en Nanomaterias e Biomedicina, CINBIO, pertencente á Rede CIGUS.
Financiados con ata 30.000 euros e nove meses de duración, estes proxectos están concibidos como exemplos prácticos de como a investigación e a industria poden colaborar para desenvolver tecnoloxías e produtos que respondan ás necesidades dos sectores produtivos e da sociedade.

Materiais sustentables a partir de macroalgas mariñas
No eido dos produtos industriais derivados do mar, financiouse o proxecto Algaemat, Integrated Valorization of Brown Algae for Advanced Functional Materialsé, liderado desde a Universidade do Minho pola profesora Ana Cristina Pontes de Carvalho, membro do Grupo 3B´s (Biomateriais, Biodegradables e Biomiméticos), e no que tamén participa a Universidade de Vigo e as empresas Portomuiños e SeaExpert. Neste caso trátase de desenvolver materiais funcionais sostibles a partir de algas pardas, empregando un proceso de biorrefinería sen solventes que recupera polisacáridos e compoñentes sólidos para a produción de hidroxeles e compósitos destinados a aplicacións industriais.
O grupo de Biomasa e Desenvolvemento Sostible, EQ-2, pertencente á UVigo e o CINBIO, participa no proxecto como membro asociado, achegando a súa experiencia na extracción e na recuperación dos compostos bioactivos e funcionais das macroalgas pardas. Empregando tecnoloxías de alta presión e disolventes verdes, para a extracción, recuperación e concentración dos compostos bioactivos, o obxectivo é obter distintas fraccións das algas, principalmente os polisacáridos sulfatados, florotaninos e carotenoides. “En colaboración co grupo que lidera o proxecto, tamén se formula a recuperación e caracterización dos alxinatos, a aplicación de distintas estratexias para a formación de hidroxeles nos que se incorporarán os compoñentes con mellores propiedades antioxidantes e antiinflamatorias; e para lograr o aproveitamento integral dos recursos, traballarase na incorporación das porcións residuais en novos biomateriais con propiedades mecánicas melloradas”, explican desde o grupo.

Como principal fortaleza deste proxecto destaca a complementariedade dos membros do consorcio. Os grupos de investigación acreditan experiencia previa na extracción limpa de bioactivos e no desenvolvemento de novos biomateriais e a eles súmanse dúas empresas de referencia no cultivo e na recolección de algas mariñas para alimentación, biotecnoloxía e cosmética, que actuarán como axentes innovadores externos. Pola parte galega cóntase coa empresa Portomuíños (Cerceda, A Coruña) e pola portuguesa coa empresa seaExpert (Horta, Açores), como proveedores das algas e asesores en aspectos de cultivo, recolección e manexo, así como nos criterios de relevancia industrial.” Con esta base poderase lograr o escalado dos procesos limpos, eficaces con residuo cero para a obtención de novos biomateriais bioactivos a partir das macroalgas pardas seleccionadas”, apunta o equipo da UVigo.
Fonte: DUVI