GL EN
Twitter bSky

Novas

09 xullo 2025Persoal investigador do CINBIO identifica unha vulnerabilidade clave para vencer a resistencia de determinados cancros aos fármacos

Co foco en tumores con mutación no xene BRAF, moi presente en casos de melanoma e algúns cancros de colon, pulmón ou mama 

 

O aumento do coñecemento arredor do cancro evidenciou que non se trata dunha enfermidade única, pois engloba a múltiples doenzas e subtipos con características moleculares propias. Un dos avances máis relevantes en oncoloxía ten sido o descubrimento destas características moleculares (mutacións) e o conseguinte desenvolvemento de terapias dirixidas contra estas mutacións denominadas driver, como a mutación BRAFV600E, presente en máis do 60 % dos casos de melanoma e en determinados cancros de colon, pulmón ou mama, desencadeando a proliferación descontrolada e a supervivencia das células tumorais con dita mutación. A pesar de que actualmente existen terapias dirixidas contra este tipo de patoloxías, como os inhibidores BRAF/MEK, aínda hai un alto porcentaxe de pacientes que son resistentes ás mesmas e, daqueles que si responden, entre un 60 e un 80 % tamén acaban por desenvolver resistencia. 

Con este reto como foco, un equipo científico internacional liderado pola investigadora María Mayán Santos desde o grupo CellCOM do CINBIO, o Centro de Investigación en Nanomateriais e Biomedicina da Universidade de Vigo e pertencente á Rede CIGUS, descubriu un novo mecanismo molecular capaz de restrinxir a capacidade das células tumorais para preparar o seu ADN, unha das principais formas de defensa fronte aos fármacos. A investigación, que  baixo o título Cx43 enhances response to BRAF/MEK inhibitors by reducing DNA repair capacity acaba de ser publicada nunha das revistas científicas máis prestixiosas do mundo como Nature Communications, identifica á proteína conexina 43 como unha nova e potente diana terapéutica capaz de frear o crecemento dos tumores e evitar a aparición de resistencia aos tratamentos e, incluso, revertela unha vez que esta xa se produciu.  

“Un proxecto multidisciplinar e internacional que, froito de máis de sete anos de traballo e colaboración entre vinte centros de investigación españois e europeos, nos permitiu descubrir un mecanismo que fai ás células tumorais máis vulnerables á morte celular”, subliña Mayán. O estudo contou con financiamento europeo a través do programa Horizon 2020,  ademais de financiamento nacional do Ministerio de Ciencia, Innovación y Universidades, e da Xunta de Galicia. 

A conexina 43, clave para frear a reparación de células cancerosas 

O traballo desvela por que este tipo de células tumorais desfanse da proteína conexina 43 para poder sobrevivir e como, ao restaurala, os tumores poden ser conducidos á morte celular. Un mecanismo que reduce o crecemento tumoral e prevé recaídas en modelos preclínicos animais. 

Esta proteína interfire coa vía principal que utiliza a célula cancerosa para reparar o dano no seu ADN. “Actúa como un freo, obrigando á célula a usar vías de reparación alternativas moito menos eficaces e, como resultado, o dano acumúlase ata un punto insostible, provocando que a célula entre nun estado de non proliferación ou directamente morra”, explica a investigadora principal do estudo, María Mayán. 

Este efecto multiplícase ao combinalo con fármacos que tamén danan o ADN das células tumorais, como os inhibidores de BRAF/MEK, desencadeando o que se coñece como “letalidade sintética”. Os descubrimentos realizados suxiren que a combinación estratéxica de conexina 43 con terapias dirixidas podería previr a aparición de resistencia e, incluso, inducir a morte de células que xa se volveron resistentes. 

Cabalos de Troia para levar a proteína ás células 

Baseándose nestes resultados, o equipo liderado por María Mayán deseñou e patentou unha innovadora estratexia terapéutica para levar a conexina 43 ao núcleo das células tumorais. Utilizan nanovesículas —pequenas partículas que as células liberan de forma natural— e modifícanas xeneticamente para que actúen como cabalos de Troia, transportando a proteína e tamén o seu ARN mensaxeiro. 

Segundo explica María Mayán, “xa xeramos unha estratexia terapéutica eficaz, demostrada como proba de concepto neste estudo”. Agora “estamos a buscar apoio para poder chegar aos pacientes nun futuro”. A coordinadora do proxecto confía en que este avance sente as bases de novos estudos sobre a resistencia ao tratamento en cancro, pero tamén para o desenvolvemento de futuras terapias en pacientes con melanoma e outros tumores agresivos, como o cancro colorrectal, de pulmón ou de mama, que presenten este tipo de mutacións. 

Ciencia de vangarda con selo galego 

A pesar da dificultade do proxecto, “este traballo demostra a importancia da investigación feita en colaboración para poder xerar novo coñecemento sobre o cancro”, asegura a doutora Mayán, quen tamén destaca “o valor da ciencia de vangarda feita deste Galicia e desde España” como unha maneira de mellorar a percepción do noso país, pero tamén de formar á nova xeración de científicos e científicas altamente capacitados, que logran atopar oportunidades tanto dentro como fora de Europa. “Isto é algo que me fai moi feliz”. 

 

Sobre CINBIO 

O CINBIO é un centro de investigación da Universidade de Vigo, especializado en nanomaterias e biomedicina. Ademais, conta co recoñecemento CIGUS da Xunta de Galicia, que acredita a calidade e impacto da súa investigación.