Novas
Financiado pola Unión Europea a través da convocatoria Interreg Atlantic Area con preto de 3 millóns de euros de orzamento, o proxecto prolongarase ata marzo de 2028
Impulsar unha cosmética e nutrición sostibles a partir de recursos mariños. Este é o principal obxectivo co que se pon en marcha o proxecto europeo SMACC+ (Compuestos bioactivos sostibles a partir de microalgas e cianobacterias para aplicacións cosmecéuticas e nutracéuticas), unha iniciativa financiada nun 75% pola Unión Europea no marco da convocatoria Interreg Atlantic e coordinada cientificamente polo grupo de Biomasa e Desenvolvemento Sostible (EQ-2), e liderado desde o CINBIO, o Centro de Investigación en Nanomaterias e Biomedicina da Universidade de Vigo e pertencente á Rede CIGUS.
Cun orzamento de 2.803.068,07 €, SMACC+ botou a andar este mes de novembro e, ao longo de 30 meses, prolongarase ata finais de abril de 2028, formando parte do consorcio, ademais da Universidade de Vigo, La Rochelle Université (Francia), a University College Dublin (Irlanda), o Instituto Tecnológico de Canarias (España), Alga Fuel S.A. (Portugal), o Instituto Politécnico de Bragança (Portugal), a University of Galway (Irlanda), Alga Biologics (Francia) e a Fundación Finnova (España); así como outras entidades asociadas como Aqualgae, S.L. (Portugal), Industrial Farmacéutica Cantabria S.A. (España), o Consejo Insular de la Energía de Gran Canaria (España), Cosmetic Valley (Francia) e a Dirección Xeral de Enerxías Renovables e Cambio Climático da Xunta de Galicia.
Por parte da Universidade de Vigo, ademais do grupo EQ-2, tamén participa persoal investigador do grupo de Física Aplicada 2, cun orzamento de 548.599,16 € para o seu paquete de traballo que, ademais das labores de xestión e divulgación, estará centrado especialmente na extracción e recuperación dos bioactivos, así como na aplicación e validación dos produtos desenvolvidos.
Obxectivos principais do proxecto e achega do CINBIO
Coa vocación de apostar pola innovación e o desenvolvemento tecnolóxico no aproveitamento do potencial dos recursos mariños, SMACC+ nace co obxectivo de transformar os sectores cosmecéutico e nutracéutico mediante o uso de compostos bioactivos e biopolímeros obtidos de microalgas e cianobacterias. Así, baseándose na optimización do cultivo de microalgas e a valorización dos seus subprodutos, o seu equipo científico desenvolverá solucións sostibles de fácil escalado que favorezan a adopción de alternativas renovables e responsables co entorno. “Buscamos producir ingredientes de alto valor que substitúan aos aditivos sintéticos, reducindo o consumo de auga e minimizando o residuos”, explica o persoal investigador implicado.
“O noso obxectivo é poder dar ferramentas e coñecementos as empresas e entidades, que permitan potenciar o uso de fontes renovables e así promover a cultura da sostenibilidade” destaca o grupo de investigación do CINBIO, quen sinala entre os principais resultados previstos “a posta en marcha de accións piloto en condicións reais para xerar solucións biotecnolóxicas innovadoras e novos produtos de base biolóxica con potencial industrial, en beneficio de pemes, centros de investigación e empresas do ámbito da biotecnoloxía azul”.
Cooperación transnacional e sostenibilidade
Coa participación de socios de varios países do Atlántico, como Francia, Irlanda ou Portugal, SMACC+ reforza a cooperación transnacional e impulsa a transferencia de coñecemento. “Unha oportunidade de avanzar nun obxectivo común que pretende en última instancia contribuír ao crecemento sostible da economía azul nesta rexión”, subliña o equipo do CINBIO.
Presentación do proxecto

Maribel del Pozo, Isabel Moreira e Miguel Correa deron a benvida institucional

Herminia Domínguez na presentación do proxecto
Este martes tivo lugar unha primeira reunión de lanzamento do proxecto na que participaron a meirande parte dos socios e onde se foron presentando os distintos paquetes de traballo. A xornada tivo lugar no CINBIO e para a súa inauguración contou coa presenza de Maribel del Pozo, vicerreitora de Internacionalización; Miguel Correa, director do CINBIO e Isabel Moreira da Silva, responsable de proxectos Interreg Atlantic.

Lourdes Mourelle durante a presentación do proxecto

Foto de grupo durante a reunión de lanzamento
O CINBIO é un centro de investigación cofinanciado con fondos FEDER e adscrito á rede de centros CIGUS (Centros de Investigación del Sistema Universitario de Galicia), promovida e financiada pola Xunta de Galicia.
#teamCINBIO #FondosEuropeos #CIGUS