GL EN
Twitter bSky

Novas

03 novembro 2025Persoal investigador do CINBIO lidera o proxecto PRERES para facer fronte á fármaco resistencia

A aparición de mutacións fármaco resistentes constitúe un grave problema na loita contra os microorganismos patóxenos. Os métodos actuais, baseados na análise de resistencia xenotípica, non permiten predicir os cambios evolutivos, provocando a ineficacia dos tratamentos. Facer fronte á fármaco resistencia é precisamente o principal obxectivo do proxecto PRERES “Predicting protein evolutionary trajectories toward resistance against antiretroviral treatments (en galego, predición das traxectorias evolutivas das proteínas cara á resistencia aos tratamentos antirretrovirais), un proxecto posdoutoral que conta co apoio do programa europeo “Marie Skłodowska-Curie Actions”, sendo a Universidade de Vigo a única institución beneficiaria cun orzamento de 181.150€.

Ao longo de 24 meses e coa supervisión do investigador Miguel Arenas, a investigadora do grupo de Evolución Molecular Computacional do CINBIO, o Centro de Investigación en Nanomateriais e Biomedicina da Universidade de Vigo e pertencente á Rede CIGUS, Valeria Zoni, desenvolverá este proxecto, que arrancou a principios de setembro e pretende acadar un pioneiro método preditivo que aproveite a evolución molecular e a bioloxía computacional para predicir a evolución de dianas farmacolóxicas do VIH-1 e mellorar así a selección de terapias.

Predición da resistencia aos tratamentos antirretrovirais

O obxectivo principal de PRERES é aplicar técnicas de evolución molecular e bioloxía estrutural computacional para avaliar as traxectorias evolutivas das proteínas diana de fármacos do VIH-1 que conducen á resistencia contra os tratamentos antirretrovirais habituais. “Esta investigación ten o potencial de mellorar a selección de terapias para patóxenos ao proporcionar ferramentas preditivas que teñan en conta a dinámica evolutiva molecular destes microorganismos”, explica a investigadora responsable do proxecto, quen tamén subliña que os resultados do proxecto poderían supoñer avances no campo da evolución molecular, pois “esta metodoloxía tamén podería aplicarse ao estado evolutivo doutros patóxenos”.

Rozando os 200.000 euros, trátase dun proxecto con financiamento europeo altamente competitivo. “É moi satisfactorio saber que a nosa proposta foi avaliada de maneira tan positiva e seleccionada para recibir este apoio”, comenta o persoal investigado do grupo CME do CINBIO. Segundo Valeria Zoni, “esta investigación podería axudar a facer fronte á fármaco resistencia, o que sería un avance substancial nos estudos de evolución molecular”. “Para min é un privilexio formar parte desta proposta, pois a Unión Europea tamén promove numerosas iniciativas de formación e apoio destinadas a fortalecer o desenvolvemento profesional de investigadores financiados con fondos europeos”.

O CINBIO é un centro de investigación cofinanciado con fondos FEDER e adscrito á rede de centros CIGUS (Centros de Investigación del Sistema Universitario de Galicia), promovida e financiada pola Xunta de Galicia.

#teamCINBIO #FondosEuropeos #CIGUS