GL EN

Novas

21 novembro 2023Persoal investigador do CINBIO participa no proxecto europeo Fastcomet

Persoal investigador do Laboratorio de Nanomateriais Biomiméticos do CINBIO, dirixido polo catedrático e investigador Luis Liz Marzán, participa como socio no proxecto europeo Fastcomet, financiado con 1,6 millóns de euros dentro do programa Horizonte Europa, para tratar de avanzar no desenvolvemento dunha tecnoloxía capaz de multiplicar por dez a capacidade actual de almacenamento da información e a un custo inferior ás tecnoloxías habituais hoxe en día.

Coordinado desde a Universidade Católica de Lovaina (KU Leuven), en Bélxica, e con socios de tres países -Bélxica, España e Francia- o proxecto Fastcomet, Future Data Storage Using Colloidal Memory Technology, ten por diante tres anos de traballo nos que se tratará de desenvolver, tal e como subliña o profesor Liz Marzán, “unha idea  pouco convencional” que consiste en almacenar información nun sistema líquido. “En concreto, vanse fabricar ‘nanocapilares’ nos que se introducirán a vontade distintos tipos de nanopartículas en suspensión, mediante forzas ópticas (manipulación con láseres)”, salienta o director do laboratorio. “Polo tanto, cada capilar sería un píxel de información e a combinación de nanopartículas sería o código que almacena cada píxel. Dado que as nanopartículas teñen propiedades ópticas características, a súa combinación dará a información necesaria para ‘ler’ cada código”. O obxectivo último da implementación desta tecnoloxía será acadar densidades de almacenamento de, polo menos 100 Gbit por milímetro cadrado, dez veces maior que o récord actual.

Fonte: DUVI

Esta nova foi publicada en varios medios de comunicación: