GL EN
Twitter bSky

Novas

21 xaneiro 2026Premio á mellor investigación de Ciencias Básicas concedido pola Fundación Barrié e a RAGC para un proxecto liderado desde o CINBIO

Premio á mellor investigación na categoría de Ciencias Básicas para un proxecto sobre unha nova diana terapéutica contra o cancro, e Premio á mellor investigación en Ciencias Sociais para un traballo dirixido a reducir o impacto ambiental do comercio electrónico, ambos liderados desde a Universidade de Vigo: un desde o CINBIO, o Centro de Investigación en Nanomaterias e Biomedicina e pertencente á Rede CIGUS, por María Mayán, e outro desde a Escola de Enxeñería Industrial por Iria González. A Real Academia Galega de Ciencias e a Fundación Barrié acaban de facer públicas as propostas gañadoras dos Premios de Investigación Fundación Barrié-RAGC, galardóns destinados a recoñecer as mellores investigacións que se están a levar a cabo en Galicia en Ciencias Básicas, Técnicas e Sociais.

Nova opción terapéutica para diferentes tipos de cancro

O proxecto liderado desde o CINBIO por María Mayán, responsable do grupo de investigación Cellcom, Comunicación celular en cancro e en enfermidades asociadas á idade, foi desenvolto en colaboración con outros equipos nacionais e internacionais e nel foron quen de identificar unha nova diana terapéutica para abordar tumores con mutacións no xen BRAF, mutacións presentes no 8% de todos os tumores humanos e que os fai resistentes aos tratamentos. 

Este traballo identifica a proteína conexina 43 como unha potente diana terapéutica, capaz de frear o crecemento dos tumores e evitar a aparición de resistencia aos fármacos, ou mesmo revertela unha vez que se teña producido. O traballo revela por que as células tumorais se desfán desa proteína para poder sobrevivir e como, ao restaurala, os tumores poden ser conducidos á morte celular. Ademais, descubriron que este efecto multiplícase ao combinalo con fármacos que tamén danan o ADN das células tumorais. Con estes resultados, os investigadores desenvolveron e patentaron unha innovadora estratexia terapéutica baseada en ARN mensaxeiro para transportar a proteína conexina 43 ao núcleo das células tumorais. Os seus achados son de especial interese para o tratamento do melanoma, do cancro de mama e do cancro colorrectal, ao tempo que abre a porta para o desenvolvemento de novos terapias para outro tipo de tumores. 

Entrega de premios o día 28 en Compostela

Na categoría de Ciencias Técnicas o premio foi para o grupo coordinado por Cristina Gallego Rodríguez, do Centro de Investigación Interdisciplinar en Tecnoloxías Ambientais -CRETUS- da Universidade de Santiago de Compostela. O seu traballo aborda un dos grandes retos actuais da industria pesqueira: que facer cos enormes volumes de subprodutos que se xeran, como a pel do peixe. Propoñen un xeito innovador e máis sustentable de aproveitar este material, empregándoo para obter xelatina de alta calidade mediante o uso de disolventes eutécticos. 

A entrega de galardóns, dotados con 5000 euros para cada un dos proxectos gañadores, celebrarase o vindeiro mércores día 28 no Pazo de San Roque de Santiago, coincidindo coa apertura do curso académico da RAGC. Concedéronse, ademais, varios accésit en cada unha das tres categorías. 

Fonte: DUVI