Novas
O pleno da Unidade da Muller e da Ciencia da Xunta de Galicia decidiu outorgar, por unanimidade, o Premio María Josefa Wonenburger Planells á investigadora e líder do grupo de Inmunoloxía do CINBIO, África González, en recoñecemento o seu labor de investigación en inmunoloxía e nanomedicina. Considerada unha das científicas máis prestixiosas de Europa neste ámbito, África González (Madrid, 1962) é licenciada en Medicina e Cirurxía pola Universidade de Alcalá coa especialidade en Inmunoloxía, ao tempo que presentaba a súa tese de doutoramento. Posteriormente, realizou importantes investigacións no Laboratory of Molecular Biology de Cambridge onde participou na técnica de investigación da obtención de anticorpos monoclonais. No ano 1996 instalouse en Vigo onde puxo en marcha a primeira Área de Inmunoloxía das universidades galegas.

"Estou moi, moi contenta por este galardón polo que representa a figura dunha muller matemática que fixo case toda a súa investigación en EEUU e o que representa para divulgación das mulleres científicas aquí en Galicia. Míroo como un premio a toda esta xente, estudantes, post-doc e todos os que forman parte desta gran familia da inmunoloxía, que intentamos desenvolver técnicas e terapias e un mellor coñecemento do sistema inmunitario" explica a catedrática, que considera que este recoñecemento tamén "mostra que na UVigo se está a facer investigación de calidade, e nomeadamente no CINBIO, do que me sinto moi orgullosa poñendo todo desde os seus inicios e logo dunha década conseguimos que sexa un centro de excelencia da Xunta con moitos investigadores traballando no ámbito biomédico".
González foi primeira directora do Centro de Investigacións en Nanomateriais e Biomedicina da Universidade de Vigo, cargo que exerceu entre 2009 e 2019, e, entre 2016-2020 exerceu como presidenta da Sociedad Española de Inmunología, período no que resultou finalista dos premios europeos Mulleres innovadoras. Forma tamén parte da Real Academia de Farmacia de Galicia e, a maiores, nos últimos anos, destacou polo seu papel divulgativo sobre a pandemia da covid-19.
A Unidade da Muller e da Ciencia destacou o seu papel nas investigacións sobre nanomedicina, sendo a cofundadora da empresa Nanoinmunotech que desenvolve tecnoloxías a partir de nanomateriais. Ademais, neste campo desenvolveu un biosensor para identificar células tumorais ou o uso das nanovacinas para tratamentos de cancro. Precisamente, neste intre, a catedrática da UVigo explica que "estamos traballando en varias liñas de investigación e unha en concreto é o cancro de páncreas, intentando desenvolver terapias eficaces para este cancro tan letal. Estamos deseñando unha terapia CAR-T, unha inmunoterapia personalizada que pode ser útil tanto para cancro gástrico como pancreático, porque estes tumores comparten unhas proteínas na membrana que imos intentar dirixir a terapia fronte a elas e tamén estamos intentando modificar a coraza e o estroma que ten o páncreas para poder acceder mellor con fármacos como os inhibidores epixenéticos e o bloque de determinadas proteínas que participan no desenvolvemento do estroma que o fan tan difícil de tratar", detalla González.
O premio recoñece a traxectoria de científicas e tecnólogas brillantes
O premio María Josefa Wonenburger foi creado pola Xunta no ano 2007 para a distinguir ás mulleres galegas con traxectorias notables nos eidos das ciencias e da tecnoloxía e, ao mesmo tempo, homenaxear a unha científica adianta ao seu tempo: María Josefa Wonenburger Planells (A Pasaxe, 1927), quen gañou fama e recoñecemento en EEUU e Canadá nunha época en que en España ser muller e matemática non eran precisamente compatibles.
Fonte: DUVI
O CINBIO é un centro de investigación cofinanciado con fondos FEDER e adscrito á rede de centros CIGUS (Centros de Investigación del Sistema Universitario de Galicia), promovida e financiada pola Xunta de Galicia.
#teamCINBIO #FondosEuropeos #CIGUS