GL EN

Novas

27 decembro 2022Preto de 80 mozas e mozos investigadores que traballan no estranxeiro participaron no IYI Meeting

Preto de 80 mozas e mozos investigadores que traballan no estranxeiro participaron no IYI Meeting

“Un encontro para conectar e coñecerse”, así definiu David Posada, catedrático e investigador do CINBIO, a Reunión de Jóvenes Investigador@s en el Extranjero, celebrada hoxe, por primeira vez en Vigo, tras as doce edicións que tiveron lugar na cidade de A Coruña. A investigadora María Mayán do Instituto de Investigación Biomédica de A Coruña (Inibic), encargouse xunto a el de dar a benvida aos preto de 80 mozos e mozas investigadores que traballan fóra de España e que asistiron á decimo terceira edición deste evento anual. Durante o acto de apertura, anunciouse que a próxima sede que acollerá este encontro, coñecido como IYI Meeting, será Santiago de Compostela, co obxectivo de “dar visibilidade aos centros de investigación de Galicia”, sinalou María Mayán.

Tras a intervención dos dous investigadores membros do comité organizador, tomou a palabra a vicerreitora de Investigación, Transferencia e Innovación da Universidade de Vigo, Belén Rubio, para presentar as distintas oportunidades de retorno que institucións como a Universidade de Vigo brindan ao persoal investigador junior galego que traballa no estranxeiro. A vicerreitora destacou “a captación de talento e a inversión en persoas con grandes ideas” como pilares básicos que enriquecen á universidade. Na importancia das persoas que forman parte dun centro de investigación tamén incidiu o director do CINBIO, Miguel Correa, quen sinalou que “captar talento e acompañar aos investigadores e investigadoras na súa carreira profesional, brindándolles apoio en forma de equipamento e formación, é un dos obxectivos fundamentais do CINBIO”. Tamén participou na apertura Hugo López, investigador do grupo de Sistemas Informáticos de Nova Xeración (SING) do CINBIO, quen presentou as liñas de actuación e obxectivos principais da asociación InvestiGal (Rede Galega pola Investigación), da que é secretario, subliñando o seu papel como “axente de diálogo na dignificación da carreira investigadora”.

Ao longo da mañá, sucedéronse preto de vinte charlas breves, nas que as científicas e os científicos participantes presentaron o seu traballo nos diversos ámbitos da ciencia, destacando a biomedicina como temática central. As e os ponentes abordaron temas como o papel de TBX4 na hipertensión arterial pulmonar, o machine learning para o diseño molecular; o uso de neuroestimulación do cerebelo para comprender comportamentos sociais; a xenética de poboacións aplicada a pesqueiras en Groenlandia; ou a biodiversidade do solo e a súa importancia para a saúde dos agroecosistemas.

A xornada rematou coa elección das tres mellores intervencións tras a votación das e dos asistentes. “Buscando condensados biomoleculares no ciclo celular”, de Tomás Edreira, da University of Gothenburg de Suecia, foi elixida a mellor charla do encontro, seguida de “Genetic causes of multiple congenital melanocytic naevl”, de Alicia L. Bruzos (The Francis Crick Institute, UK) e “Heterophagy in the skeletal muscle”, da investigadora Laura Pena do CNIC.


Duvi

Faro de Vigo

Galicia Press

Atlántico