Novas
Premio á mellor investigación feita en Galicia en Ciencias Básicas para un traballo liderado polo investigador Miguel Correa desde o CINBIO. A Real Academia Galega de Ciencias e a Fundación Barrié acaban de facer públicas as propostas gañadoras dos premios de investigación que convocan de maneira conxunta co obxectivo de recoñecer as mellores investigacións que se desenvolven na nosa comunidade en Ciencias Básicas, Técnicas e Sociais. Dotados con 5000 euros cada un, a entrega de premios será o vindeiro mércores día 5 no Pazo de San Roque en Santiago, coincidindo coa apertura do curso académico da RAGC.
Un novo material moi prometedor para producir biocombustibles
O premio na categoría de Ciencias Básicas recaeu nun proxecto centrado na utilización de dióxido de carbono para a produción de produtos químicos e combustibles como iniciativa para combater o cambio climático. Os seus autores Begoña Puértolas, Lucas Vázquez, Margarita Vázquez, Ana Sousa e Elizabeth Cepero, liderados desde o grupo TeamNanoTech por Miguel Ángel Correa, están integrados no Centro de Investigación en Nanomateriais e Biomedicina, CINBIO, da Universidade de Vigo.
Tal como indica Correa, “o metanol emprégase como fonte para a fabricación de produtos químicos, de xeito que podería desempeñar un papel importante como vector enerxético no futuro”. Na actualidade a produción de metanol depende de combustibles fósiles, polo que o equipo avanzou nun enfoque novidoso para a súa obtención sustentable. Desenvolveron un novo material capaz de converter de maneira eficiente o CO2 en metanol utilizando luz solar, imitando o proceso natural da fotosíntese.
Correa explica que “a estratexia de fabricación baséase no uso de estruturas porosas organometálicas como plataforma para integrar nanopartículas de ouro, con propiedades ópticas especiais, e ións metálicos de cobre. Esta combinación simplifica a produción de metanol mediante o uso exclusivo de auga, dióxido de carbono e luz solar. A alta selectividade e estabilidade do material convérteno nunha alternativa viable para a produción sustentable de metanol, abrindo novas posibilidades de investigación na xeración de combustibles e produtos químicos a partir dun residuo industrial como o CO₂”.
Fonte: DUVI